68 xornalistas foron asasinados no mundo ao longo do pasado ano

Pablo González vai facer 12 meses na cadea en Polonia sen xuízo.
Mural en homenaxe a Shireen Abu Akleh, xornalista asasinada a mans do Exército israelí o pasado ano. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)
photo_camera Mural en homenaxe a Shireen Abu Akleh, xornalista asasinada a mans do Exército israelí o pasado ano. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)

A Federación Internacional de Xornalistas vén de lanzar o 32º informe anual sobre xornalistas e traballadores dos medios de comunicación asasinados en 2022, subliñando que os 68 profesionais que perderon a vida supoñen un aumento de 21 homicidios con respecto a 2021, unha cifra que sostén debería supor "unha importante advertencia para os líderes mundiais".

A entidade revela que Ucraína é o país onde máis decesos se produciron, 12, seguido de México, con 11 asasinados, Haití, con sete, Paquistán, cinco, e Colombia e Filipinas, até catro xornalistas morreron en cada un destes países. Ademais, 11 xornalistas faleceron de forma accidental mentres desenvolvían o seu traballo.

Por continentes, América é onde se produciron máis óbitos, 30, mentres que Asia e o Pacífico está en segundo lugar, con 21 mortes nas que se inclúe o asasinato da xornalista palestina Shireen Abu Akleh a mans de soldados israelís. Ao tempo, en Europa rexistráronse 13 homicidios de xornalistas e 4 en África.

O principal motivo detrás destes asasinatos é a intención de silenciar o traballo xornalístico, sinala a Federación, que denuncia que 95% destes crimes fican sen castigo para os culpábeis, nunha situación especialmente dura para a prensa local.

En base a estes datos, reclama que se impulse a "adopción dunha Convención Internacional nas Nacións Unidas dedicada á protección de xornalistas e profesionais dos medios"

No caso da Unión Europea, o xornalista vasco Pablo González leva case un ano preso en Polonia por suposta espionaxe, sen que avanzara o proceso xudicial e limitando o seu acceso a visitas e a asistencia médica.

Comentarios