600 militares reforzarán a presenza da NATO na rexión báltica

Os EUA enviarán novas tropas a Polonia, Estonia, Letonia e Lituania no que din, consitúe unha mensaxe clara a Moscú. 

OTAN
photo_camera OTAN

Forzas militares estadounidenses despregaranse nos vindeiros días ás portas de Rusia en resposta á actitude do goberno de Vladimir Putin que mantén o seu apoio aos grupos opositores a Kiev. Neste senso, o líder do Pentágono anunciou, segundo recollen diversas axencias de noticias internacionais, que a administración Obama porá a disposición da NATO 600 militares distribuídos entre Polonia e outros países da rexión báltica. 

A operación militar abranguerá, aliás, o envío de até 450 soldados procedentes dunha das bases estadounidenses en Italia a Letonia, Estonia e Lituania o que reforzará de maneira significativa a presenza da Alianza do Atlántico Norte (NATO) na fronteira con Rusia. 

A decisión das autoridades militares estadounidenses visa ser unha advertencia a Moscú. "Desde a agresión de Rusia a Ucraína", sinalou John Kirby, voceiro do Pentágono, "estivemos procurando constantemente maneiras de asegurar os nosos aliados e socios" no que, din, constitúe un "compromiso" e unha "obriga" para a "seguridade" de Europa. 

Para a administración Obama, este movemento militar é unha "mensaxe a Moscova" para lle facer saber que se toman "moi, moi a serio" a defensa do novo réxime ucraíno. 

Comentarios