55 migrantes falecidos tras chocar un camión en México

O vehículo no que viaxaban dirixíase aos EUA procedente de Guatemala. O condutor do camión deuse á fuga despois do choque, producido polo exceso de velocidade.
A zona do accidente no que faleceron 55 persoas. (Foto: Gabriela Coutiño)
photo_camera A zona do accidente no que faleceron 55 persoas. (Foto: Gabriela Coutiño)

O accidente dun camión no que viaxaban amoreadas 107 persoas migrantes deixou cando menos 55 falecidos no Estado mexicano de Chiapas esta quinta feira, após envorcar o contedor do vehículo.

As e os migrantes proviñan “principalmente de Guatemala e O Salvador”, informou Luis Manuel García Moreno, secretario de Protección Civil de Chiapas, que explicou que tamén había persoas procedentes de Honduras e Nicaragua.

Asemade, indicou que arredor de 60 persoas quedaron feridas -incluíndo tres de gravidade- e xa están sendo atendidas en diversos centros hospitalarios da rexión.

O sinistro aconteceu na estrada Panamericana de camiño á capital de Chiapas, Tuxtla Gutiérrez, despois de acceder a México desde a fronteira con Guatemala, próxima ao lugar. Os veciños da zona declararon a medios locais que o camión circulaba con “exceso de velocidade”, o que provocou que chocara contra o muro dunha ponte peonil ao saír da vía nunha curva. Durante o suceso, o contedor do remolque separouse e as vítimas quedaron espalladas pola estrada.

Amais dos efectivos da Cruz Vermella, bombeiros e Protección Civil, a veciñanza da zona cedeu os seus automóbiles para atender as persoas feridas. Con todo, as testemuñas acusaron o condutor do transporte de darse á fuga.

Tanto o presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, como o mandatario guatemalteco, Alejandro Giammattei, lamentaron ao pouco a situación, solidarizándose coas familias das vítimas.

A ruta que seguía o vehículo é unha das máis utilizadas polos migrantes que procuran chegar aos Estados Unidos (EUA) desde América Central, mais tamén é utilizada por persoas do sur do continente e incluso do Caribe.

Entre xaneiro e outubro deste ano, máis de 228.000 persoas foron detidas polas autoridades no territorio mexicano, un 64% máis que o ano anterior. Neste período foron deportadas máis de 82.000 persoas.

As detencións de migrantes incrementáronse en México desde o acordo asinado entre o presidente e o líder daquela dos EUA, Donald Trump, que forzou que o país latinoamericano se encargara de interceptar as persoas que se dirixían ao veciño do norte.

Comentarios