534 activistas políticos e sociais asasinados en Colombia nestes 5 anos

Activistas comunitarios,campesiños, indíxenas, sindicalistas, ambientalistas, integrantes do movimiento Lgbt, para alén de activistas polos dereitos humanos ou a restitución das terras. Os dados foron revelados por un informe presentado no Parlamento británico por 'Xustiza para Colombia'.

colombia

Non acapara portadas de xornais nin aperturas nos noticieiros mais a violencia en Colombia contra o activisto político e social sobrepasa o concepto de 'guerra suxa' para entrar de cheo no que algunhas ONGs e colectivos cualifican de “exterminio”. Esta semana presentouse perante o Parlamento británico o informe 'Silenciados: o asasinato de activistas políticos en Colombia”. Elaborado pola organización inglesa 'Justice for Colombia', no documento recóllese como 534 activistas foron asasinados entre 2011 e 2015, un promedio de dous asasinatos por semana.

Antioquía (94 activistas executados) e Cacuca (59) foron os departamentos máis golpeados por unha violencia que se deu en 26 dos 32 departamentos colombianos e da que responsabilizar os grupos paramilitares de extrema dereita.

O informe presentouse nun acto organizado por varios congresistas que fan parte do grupo parlamentar 'Amigos de Colombia' e que avoga polo proceso de paz no país latinoamericano. A información recompilouse grazas á información, probas e dados achegados por 5 organizacións colombianas: O Centro de investigación e educación popular (Cinep, da Compañía de Xesús), polo sindicato Central Unitaria de Traballadores (CUT), pola ENS, polo movemento socio-político de esquerdas 'Marcha Patriótica', e por 'Somos defensores', colectivo de avogados polos dereitos humanos.

Activistas comunitarios, sindicalistas, ambientalistas, defensores do colectivos LGBT, indíxenas... foron e son albo dos ataques e da violencia por parte de grupos paramilitares e de 'escadróns da morte'. Durante anos, diferentes ONGs denunciaron as conexións deste tipo de organizacións violentas co Estado colombiano.

Comentarios