ENTRA EN VIGOR O ACORDO CON TURQUíA

4 abril de 2016: o día en que a UE comeza a deportar persoas refuxiadas

Esta segunda feira, 4 de abril de 2016, a Unión Europea enceta a expulsión de persoas refuxiadas do seu territorio. Faino en virtude do acordo ao que chegou con Turquía, polo cal expulsa a Ankara refuxiadas que entren de maneira irregular a cambio de prebendas ao réxime de Erdogan.

Lesbos_United Nations
photo_camera Lesbos_United Nations

Desde esta segunda feira, a UE executa o seu plan para expulsar as refuxiadas procedentes de África e Oriente Medio fóra das súas fronteiras. Así o estabelece o acordo asinado entre Bruxelas e Turquía o 18 de marzo de 2016, un tratado polo que o réxime de Erdogan recibirá 6.000 millóns de euros e que abre as portas á liberación de visados e á axilización da inclusión deste país na UE.

A día de hoxe, máis de 52.000 homes, mulleres e crianzas están en terra de ninguén, retidos en Grecia

Estaba previsto que as primeiras operacións tivesen lugar esta madrugada en Quíos e Lesbos, as illas que representan unha porta de entrada para os 1,1 millóns de persoas sirias que accederon a Grecia -país que a pasada sexta feira aprobou unha lei que dá luz verde á deportación de refuxiadas-. A día de hoxe, máis de 52.000 homes, mulleres e crianzas están en terra de ninguén, retidos en Grecia, após os Balcáns fecharen as súas fronteiras.

Posta en práctica do acordo

Como parte do proceso, unha vez que as refuxiadas cheguen ao territorio comunitario serán deportadas a Ankara se non teñen o dereito ao asilo ou non o solicitan ou se é considerado o asilo como “inadmisíbel”. Neste punto é onde entra en xogo o chamado “un por un” que comeza a aplicarse o 4 de abril.

Examinarase caso por caso para determinar quen ten dereito a asilo. E, durante este período, a persoa solicitante deberá ficar nun centro de internamento

O “un por un” implica que por cada persoa refuxiada que recolla Turquía, a UE deberá integrar unha persoa siria. Examinarase caso por caso para determinar quen ten dereito a asilo. E, durante este período, a persoa solicitante deberá ficar nun centro de internamento. Desde a sinatura do convenio entre Turquía e a UE, perto de 6.000 persoas rexistradas nas illas gregas solicitaron formalmente o seu asilo.

O límite fíxase nas 72.000 persoas

Unha vez se acade o límite de 72.000 persoas, o acordo suspenderase. O que non se coñece é que Estados membros estarían dispostas a acoller os refuxiados do “un por un”.

Dikili, cidade costeira de Turquía á que chegarán as primeiras refuxiadas esta segunda feira, acolleu protestos contra a aplicación do tratado

O domingo, Dikili, cidade costeira de Turquía á que chegarán as primeiras refuxiadas esta segunda feira, acolleu protestos contra a aplicación do tratado. Veciños da zona iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas contra a chegada das persoas deportadas. “Non toque Dikili” ou “Non a un campo de refuxiadas” son algúns dos lemas que se puideron ler nos protestos.

Un acordo que roza a ilegalidade

A UE desenvolve este acordo malia a forte contestación por parte de numerosas organizacións sociais, que xa se teñen pronunciado en contra del ao supoñer na práctica devolucións forzosas e a non protección das persoas refuxiadas. ONG teñen advertido de que o tratado UE-Turquía viola o dereito de asilo, garantido de maneira explícita na Declaración dos Dereitos Humanos e na Carta de Dereitos Fundamentais da UE.

Tamén alertan de que infrinxe a prohibición de expulsión ou devolución estabelecida no artigo 33 da Convención de Xenebra, que dita que “ningún Estado contratante poderá, por expulsión ou devolución, pór en modo ningún un refuxiado nas fronteiras dos territorios onde a súa vida ou a súa liberdade perigue por causa da súa raza, relixión, nacionalidade, pertenza a determinado grupo social ou polas súas opinións políticas.

Aliás, denuncian que quebra a Convención dos Dereitos do Neno. A este respeito lembran que o 40% das persoas que chegan ás costas gregas son menores de idade.

Comentarios