35 xefes de Estado e 330 políticos tiveron contas en paraísos fiscais

Para o Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación, os Papeis de Pandora explican “como a opacidade financeira impulsada polos Estados Unidos e outras nacións moldeou e quebrou o imperio da lei no planeta”, amais dos motivos polos que os Gobernos internacionais se negaron a mudar as laxas regulacións financeiras.

O ex primeiro ministro británico, Tony Blair, nunha imaxe de febreiro. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / dpa)
photo_camera O ex primeiro ministro británico, Tony Blair, nunha imaxe de febreiro. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / dpa)

O ex director do Fondo Monetario Internacional, Dominique Strauss-Kahn, o ex primeiro ministro británico Tony Blair; xefes de Estado como o de Ucraína -Volodimir Zelenski-, Chile -Sebastián Piñera- ou Ecuador -Guillermo Laso-, ou cantantes como Julio Iglesias, Elton John, Miguel Bosé e Shakira, utilizaron paraísos fiscais para desviar os seus ingresos e evitar ter que tributar polas súas ganancias, desvelan os Papeis de Pandora, unha investigación dirixida polo Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ polas súas siglas en inglés) na que participaron 600 profesionais de 117 Estados.

Os case 12 millóns de arquivos proceden dunha filtración de 14 bufetes legais dedicados a desenvolver as estruturas para crear sociedades offshore (en lugares con poucos impostos para as empresas e ausencia de intercambio de datos), o que permite aos seus propietarios evitar o control dos seus fondos. Este tipo de sociedades son legais mentres as ganancias estean declaradas no Estado de residencia do propietario.

Un estudo da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) de 2020, revela que arredor de 10 billóns de euros estás resgardados en empresas offshore. Con respecto á Unión Europea, até o 10% do PIB desvíase cara a paraísos fiscais, o que implica unha perda de 46.000 millóns de euros de ingresos vía impostos cada ano.

Opacidade financeira contra a lei

Como aclara a indagación da ICIJ, esta situación non é anecdótica ou delimitada a determinados lugares, senón que “a maquinaria do diñeiro offshore opera en todos os recunchos do mundo”, explicando “como a opacidade financeira impulsada polos Estados Unidos e outras nacións moldeou e quebrou o imperio da lei no planeta”.

Asemade, sostén que a infiltración na política internacional das “finanzas ultrasegredas” revela o motivo de que “Gobernos e organizacións globais fixeran tan pouco para acabar cos abusos financeiros offshore”. De feito, entre os membros da OCDE pasouse dun imposto de sociedades do 32,2%  no 2000, a un 23,2% en 2020.

O director executivo de Tax Justice Network, Alex Cobham, indicou a medios estatais que “cando as grandes empresas e os ricos defraudan, todos sufrimos por uns servizos públicos deficientes”.

Entre os movementos financeiros destaca o do primeiro ministro checo, Andrej Babis, que moveu 22 millóns de euros a contas en paraísos fiscais para comprar en 2009 un castelo na costa Azul (Francia).

Nos documentos, que incriminan a 35 xefes e ex xefes de Estado e máis de 330 altos cargos e políticos de 91 países, están incluídas 601 persoas procedentes do Estado con 751 sociedades.

Juan Carlos I, beneficiario de Corina Larsen

Unha das persoas afectadas pola filtración é o rei emérito español, Juan  Carlos I, que leva máis dun ano fuxido nos Emiratos Árabes Unidos.

A alemá Corina Larsen, ex amante do emérito que forma parte dos litixios na súa contra por lavar case 90 millóns de euros doados por Arabia Saudita a unha fundación relacionada con Juan Carlos I, programou cun dos seus fideicomisos en Nova Zelandia en 2007 que, no caso de que ela falecera, “o 30% dos ingresos do Fondo de Investimentos Hispano Saudita” sería entregado ao emérito.

Comentarios