34 millóns de persoas en risco de fame nos países do leste de África

A "tripla ameaza" ─o brote de langostas do deserto, a pandemia da COVID-19 e as inundacións─ continúa sen control.
2020061214225111319
photo_camera A lagosta destruíu xa ducias de miles de hectáreas de cultivos (un.org)

A rexión oriental de África conta na actualidade cuns 20 millóns de persoas en situación de inseguridade alimentaria, mais o dato poderíase disparar nos próximos meses até os 34 millóns pola coincidencia da "tripla ameaza": o brote de lagostas do deserto, a pandemia da COVID-19 e as inundacións.

O brote de lagostas comezou en xaneiro e está xa na súa segunda fase, que segundo a Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO, nas siglas en inglés) podería ser 20 veces peor que a primeira, que xa supuxo a destrución de ducias de miles de hectáreas de cultivo e pasto en países como Eritrea, Etiopía, Kenia, Somalia, Sudán do Sur, Uganda e Xibutí.

O Programa Mundial de Alimentos (PMA) estima que xa hai 20 millóns de persoas pasando fame nestes nove países ─os sete anteriores mais Ruanda e Burundi─ e teme que a cifra aumente até os 34 millóns. Só o brote de lagostas podería deixar entre 1,5 e 2,5 millóns de persoas máis con inseguridade alimentaria aguda, a peor das situacións, segundo a FAO.

Pesticidas

A ONU advertiu, ademais, de que as restricións impostas na rexión para conter a pandemia provocada polo novo coronavirus complicaron o abastecemento de pesticidas e bioinsectidas, así como atrasos na obtención de equipos chave para o control da que está considerada como a especie migratoria máis destrutora.

As organizacións observan tamén con preocupación a extensión da lagosta en países de Asia e de Oriente Próximo, ao tempo que avisan dun posíbel avance da especie cara á zona oeste do continente africano, en toda a rexión do Sahel, desde o Chad até Mauritania e o Senegal, xa na costa Atlántica.

Ademais, a OMS advertiu nas últimas horas que a pandemia da COVID-19 se está a acelerar. "Tardou 98 días en chegar a 100.000 casos e só 18 días para pasar dos 200.000 casos", sinalou nun comunicado.

Comentarios