30 persoas migrantes fican desaparecidas após o naufraxio dunha embarcación pneumática no Mediterráneo

As ONG Alarm Phone e Sea Wacth denuncian o "abandono" das autoridades italianas.
As persoas migrantes falecidas na traxedia de Calabria a finais de febreiro xa ascenden a 79 (Foto:  LaPresse / Zuma Press / DPA).
photo_camera As persoas migrantes falecidas na traxedia de Calabria a finais de febreiro xa ascenden a 79 (Foto: LaPresse / Zuma Press / DPA).

As autoridades italianas informaron este domingo do rescate de 17 migrantes que estaban á deriva nunha embarcación pneumática perto da costa libia sen que polo momento haxa noticia doutras 30 persoas que viaxaban tamén na lancha.

"A embarcación envorcou durante o transbordo dos migrantes: 17 persoas foron rescatadas e outras 30 están desaparecidas", informou a Garda Costeira italiana nun comunicado. Anteriormente, a ONG Alarm Phone alertara de decenas de migrantes afogados e denunciara o abandono das autoridades italianas.

O comunicado da Garda Costeira recoñece que Alarm Phone alertou o Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo con sede en Roma na noite do sábado da presenza dun barco con 47 migrantes a bordo á deriva perto de Libia. As autoridades maltesas e libias tamén foron avisadas.

A embarcación foi avistada por unha aeronave, o que provocou que a ONG Seabird 2 contactase co buque mercante Basilis L, que se dirixiu até o lugar e avisou de que tiña dificultades para rescatar os migrantes debido ás adversas condicións meteorolóxicas.

Outra ONG, Sea Watch, dera a alarma pola situación destas persoas e do risco que supuña a intensa ondada. As propias autoridades libias confirmaron a Sea Watch que non enviarían ningunha embarcación. 

"Cando chamamos ao centro de coordinación de rescates italiano para preguntar quen se faría cargo da coordinación e asumiría a responsabilidade desta xente, colgáronnos", denunciaron representantes da entidade.

"Italia e os Estados da UE deben asumir a responsabilidade do rescate no mar e protexer a vida da xente que se despraza. Agora, inmediatamente, neste caso, en todos os casos", remachou a organización benéfica.

Ascenden a 79 os falecementos en Calabria

Nas últimas horas foron localizados os corpos sen vida de tres migrantes que chegaron ás praias de Stacatto di Cutro, en Calabria, co que son xa 79 as persoas falecidas como consecuencia do naufraxio dunha embarcación de migrantes o pasado 26 de febreiro.

Comentarios