mércores 21/10/20
A auga convértese nun artigo de luxo

30 millóns de persoas sen auga potábel en Estados Unidos

A auga convértese nun artigo de luxo.
austin texas
Austin, Texas

Os dados ofrecidos polo Axencia de Protección Ambiental de Estados Unidos non semellan os duns país caracterizado como o máis rico do mundo. Segundo a información achegada por este organismo dependente do Goberno federal, 30 millóns de cidadáns estadounidenses residen en zonas nas que a auga non cumpre coas normas de salubridade. Ao tempo, sinala que dous millóns de fogares non teñen acceso á auga canalizada, presentado uns números propios dun Estado subdesenvolvido.

A causa desta situación está ligada ao abandono das redes de subministro e saneamento nas últimas décadas, de xeito moi particular a partir dos anos 70, coincidindo co retorno ás políticas neoliberais abandonadas após a Grande Depresión. De feito, a maior parte destas infraestruturas foron construídas no marco do New Deal, impulsado polos Goberno de Franklin Delano Roosevelt e na década posterior ao remate da II Guerra Mundial. Así as cousas, a privatización dos recursos hídricos, entregando a súa xestión ao sector privado e as políticas de recortes en servizos básicos aplicados polas diversas  administracións provocaron a situación actual.

A crítica situación que vive o país como consecuencia da pandemia, con tres millos de persoas contaxiadas e 130.000 mortes, sitúa este problema no primeiro plano da atención pública. As deficiencias da rede hídrica estadounidense xa foran denunciadas en 2017 pola Asociación Americana de Enxeñeiros Civís, quen atribuíu ao sistema de augas unha cualificación de “D”, nunha escala de clasificación de A até E. Neste mesmo traballo, os enxeñeiros civís criticaron a política de mantemento e denunciaron que as autoridades locais empregaron medios fraudulentos para economizar na manutención de redes.

A calidade das augas foi obxecto de constantes problemas nos últimos tempos. Sen ir máis lonxe, xa en 2016 do diario The Guardian demostrou que a poboación máis de 30 cidades estadounidenses consumiran habitualmente auga en mal estado de uso, ao empregar métodos fraudulentos para testar a calidade das mesmas. Ao tempo, o prezo da auga disparouse ao longo de todo o país, certificando The Guardian  unha alza de 80% no período entre 2010 e 2018, fundamentalmente como consecuencia dos impostos sobre augas e tratamentos residuais. Nalgúns casos como en Austín, capital do Estado da Texas a suba acadou 145% en 2019, após un proceso de renovación da concesión do servizo a unha empresa privada por un período de 40 anos.

comentarios