Descolonización

30 de agosto ou 6 de setembro, data do referendo de independencia en Nova Caledonia

As asinantes do Acordo de Noumeá darán a coñecer nas vindeiras dúas semanas o día exacto da consulta no arquipélago francés de ultramar, segundo informou o primeiro ministro galo, Edouard Philippe.

nova-caledonia_commonswikimedia
photo_camera A colonización de Nova Caledonia por parte de Francia comezou hai 166 anos. Foto: wikimedia commons

O primeiro ministro francés, Edouard Philippe, anunciou esta semana que o novo referendo de independencia en Nova Caledonia se desenvolverá ben o 30 de agosto ben o 6 de setembro de 2020. Isto é, menos de dous anos despois do primeiro. A data concreta será dada a coñecer nas vindeiras dúas semanas polos asinantes do Acordo de Noumeá, capital do arquipélago, que estiveron reunidos en París nos últimos días.

O Acordo de Noumeá deu comezo en 1998 ao proceso de descolonización progresiva de Nova Caledonia. No primeiro referendo, en novembro de 2018, unha maioría de 56% optou por manter o statu quo. A participación foi do 80%. As sondaxes estiman que o resultado podería ser similar nesta vindeira consulta. De ser así, habería un terceiro referendo, tal e como estabelece o Acordo de Noumeá.

Pobo kanaka vs. colonizadores galos

Nova Caledonia sufriu anos de violencia na década de 1980 entre as forzas independentistas, apoiadas pola comunidade aborixe kanaka, e as forzas pro Francia, apoiadas principalmente polos descendentes dos colonizadores galos. A violencia cesou coa sinatura do Acordo de Matignon, en 1988, que outorgaba autonomía en tres provincias, dúas destas de maioría kanaka, que lles permite lexislar, entre outros eidos, sobre impostos e emprego.

A colonización de Nova Caledonia por parte de Francia comezou hai 166 anos. O 24 de setembro de 1853, baixo ordes do emperador Napoleón III, o almirante Febvrier Despointes tomou posesión de Nova Caledonia.

Comentarios