25 traballador@s mort@s e máis de cen ferid@s na sede central de Pemex

A petroleira mexicana informou na súa conta de Twitter dunha explosión en que "hai lesionados". No chío anterior presumía dos seus "estándares de seguridade" e de que "logramos reducir os índices de accidentalidade nos últimos anos"


A peor explosión en Cidade de México rexistrada nos últimos 30 anos produciuse esta sexta feira de madrugada na sede de Pemex. 

Por volta de 25 traballador@s mort@s e máis dun cento ferid@s foi a consecuencia dun sinistro que a empresa anunciou na súa conta oficial da rede social Twitter: "como medida de prevención estamos desaloxando a torre Pemex por un problema no suministro de enerxía eléctrica".

Un chío que publicado xusto despois doutro en que a paraestatal presumía dos seus "estándares de seguridade" e de ter "reducido os índices de sinistralidade".

Minutos despois, e cando as principais cadeas de radio e televisión suspenderan xa as emisións programadas para informar en directo da explosión, Pemex recoñeceu, tamén polo Twitter, que "O que aconteceu foi unha explosión no edificio B2 do centro administrativo. Hai lesionados".

Segundo informa a imprensa mexicana, é o accidente laboral máis grave desde 1984, cando faleceron máis de 500 persoas e por volta dun milleiro quedaran feridas noutra explosión en que Pemex andaba tamén polo medio, pois rexistrárase nunhas instalacións de gas que a petroleira partillaba con empresas privadas.

A petroleira mexicana foi presentada por Feijóo durante a campaña electoral como salvación para o naval galego, dicindo que construiría na Galiza parte da súa frota, extremo desmentido nunha entrevista polo conselleiro da multinacional Flavio Ruiz: "o anuncio dos flotantes caeu en tempos electorais na Galiza, e entón a Xunta o usou politicamente para impulsar o Partido Popular, mais pola nosa parte non hai ningún compromiso".

Comentarios