Aniversario do asasinato de Guillem Agulló

25 anos dun crime político rebaixado a ‘pelexa xuvenil’

O 11 de abril de 1993, un mozo catalán de 19 anos foi asasinado nun ataque dun grupo de neonazis na localidade valenciana de Montanejos.

la veu
photo_camera Mobilización de mozas e mozos nacionalistas de esquerdas en Valéncia. Foto: La Veu.

Era un domingo de abril pola mañá cando Guillem Agulló foi apartado dos seus amigos por cinco rapaces fascistas. Agulló, militante independentista da organización xuvenil Maulets e do colectivo SHARP, vestía unha cazadora con insignias antirracistas. Foi asasinado dunha puñalada mortal no corazón. Após os feitos, os agresores abandonaron o corpo na rúa facendo o saúdo nazi. Esta cuarta-feira fanse 25 anos do asasinato de Guillem, e outros tantos de relativa impunidade para responsábeis da súa morte.

 

Pedro Cuevas ‘El Ventosa’, Gerardo Mora, José Cunat ‘El Pollo’, Juan Manuel Sánchez ‘El Picha’ e Francisco García ‘El Mody’ formaban parte do chamado "Komando Marchalenes IV Reich". Todos eles foron imputados no procedemento xudicial que se iniciou a raíz do crime, mais só o primeiro foi condenado. A sentenza a Cuevas, de 14 anos e 7 meses de prisión por homicidio e lesións, foi atenuada por “arrepentimento espontáneo” ao ter acudido a un cuartel da Guardia Civil días despois do crime. O asasino só cumpriu 4 anos da condena inicial. O móbil do asasinato fica reducido a “pelexa xuvenil”.

 

Neonazi e candidato por Alianza Nacional

 

Anos despois de saír da prisión, en 2005, Pedro Cuevas vai volver ser detido pola Operación Pánzer, unha intervención policial que desarticulou o grupo neonazi ‘Frente Antisistema’, acusado de organizar “cacerías” de inmigrantes e militantes de esquerdas. Cuevas volve ingresar na cadea por asociación ilícita e tenza ilícita de armas -entre as que se atopan un puño americano, dagas, navallas, machetes, mazas, bolas metálica con pinchos, tirachinas de precisión e mesmo armas de fogo–. Na súa casa, a Guardia Civil tamén atopou abundante material con simboloxía nazi. “Me llevo un pincho. Voy a hacer pupa […]. Hay que darles bien. Dejarlos mareados”, fachendeaba Cuevas ese mesmo ano.

 

Logo disto, durante as eleccións municipais do ano 2007, o mesmo Pedro Cuevas apresentaba a súa candidatura na localidade valenciá de Axi polo partido neonazi Alianza Nacional (AN). Porén, segundo o xuíz, o asasinato de Guilem Agulló non respondía a un delito de odio ou dimensión política de ningunha clase.

 

Acoso á familia

Mentres todos os anos desde 1993, a familia do mozo valenciano segue a sufrir a carraxe dos responsábeis do asasinato. Denuncian que cada aniversario do crime reciben chamadas a horas intempestivas e atopan pintadas na súa casa con simboloxía nazi ou mensaxes ameazantes.

Comentarios