21D: unha campaña electoral a ritmo de 155 e con incógnitas a pairar sobre o día despois

Esta medianoite comezou oficialmente a campaña das eleccións cataláns do 21 de decembro, unha cita que permitirá tomar o pulso após uns meses de vertixe e á que se chega nunha situación de excepcionalidade inédita na Europa contemporánea. 

cadeira baleira
photo_camera Un aspecto do mitin de abertura da campaña de ERC, con Marta Rovira en primeiro plano e a cadeira baleira de Oriol Junqueras

As eleccións do 21 de decembro son resultado dunha decisión do Goberno español, que aplicou o artigo 155, suspendeu o autogoberno catalán e arrogouse unha competencia exclusiva do president da Generalitat. Son, pois, unha convocatoria realizada no marco dunha medida de excepción. Que a ministra de Defensa, Dolores de Cospedal, veña de afirmar nun acto que “se convocaron estas eleccións para que gañe o constitucionalismo”, non deixa moita marxe de dúbida sobre as intencións do goberno á hora de chamar os cataláns ás urnas. A campaña comezou esta medianoite, con Puigdemont e catro ex-consellers exiliados en Bruxelas; co ex-vicepresident e un ex-conseller en prisión; e coa Generalitat intervida. Unha situación inédita en Europa.

Non son unhas eleccións ‘autonómicas’, todas as forzas que concorren nesta cita recoñecen por activa ou pasiva que o 21D non é un simple comicio máis. O constitucionalismo preséntase buscando unha derrota clara do independentismo, apostando así en afogar calquera mínima intención ou tentativa de continuar co ‘procés’. O independentismo quer derrotar nas urnas o 155, validar o seu relato dun movemento de raíz popular e apoio social, e coller pulo de cara ao día despois, que se presenta con non poucas incógnitas sobre a mesa.

Enquisas

O promedio das enquisas publicadas en diversos medios de comunicación cataláns e españois até o de agora indican que o independentismo ficaría á beira da maioría absoluta, con 67 escanos (a maioría está en 68) e 46% dos votos. A media ponderada desas sondaxes sitúa ERC como a forza gañadora o 21D, con 26,3% dos votos e 41 escanos. Ciutadans serían segundos, con 21,3% e 29 deputados.

As enquisas conceden o terceiro posto o PSC, con 14,8% dos apoios e 19 escanos, os mesmos que obtería Junts per Catalunya (12,9% dos votos).  Catalunya en Comú atinxiría 10 escanos, ficando con 8,4% dos votos; o PP tería 7,5% dos apoios e 9 parlamentares e a CUP lograría 7 deputados, con 6,1%.

Non haberá, pois, maioría absoluta independentista (67 escanos) mais tampouco do ‘bloque do 155’ (57 parlamentares), mentres que o espazo de Catalunya en Comú obtería 10.

Porén, e moi diferente estes resultados son os que derivan da enquisa do CIS que se publicou esta segunda feira, unha sondaxe que sitúa Ciudadanos como o partido máis votado (22% dos gvotos) e obtendo 32 escanos por outros tantos de ERC, por 25/26 de Junts per Catalunya, 21 PSC, 9 Catalunya en Comú, 9 CUP e 7 PP.

Incógnitas

Unha das incógnitas é que pasará unha vez que se coñezan os resultados do 21D. Se as forzas independentistas suman maioría absoluta, respectará o goberno español os resultados ou manterá o 155? Pactarán as forzas independentistas entre elas para tentar formar un goberno? Manterase a folla de ruta independentista ou esta será reformulada e como? Que papel terán Puigdemont e resto de membros exiliados? Mais as incógnitas non pairan só sobre o soberanismo. Que fará Catalunya en Comú, á que todas as enquisas sitúan como bisagra? E o PSC, que di que non vai facer presidente un independentista mais tampouco a Arrimadas?

Todos coinciden en que unha das chaves vai ser a participación electoral, que se presume será moi alta. De feito, nas solicitudes de voto desde o estranxeiro formuláronse case 39.000 fronte ás 21.800 dos comicios ‘plebiscitarios’ do 27 de setembro.

Área metropolitana

A Área metropolitana de Barcelona (AMB), integrada por 36 concellos, vai ser o principal cabalo de batalla nestas eleccións. Representa 42% do censo total do 21D, son 2,3 millóns de electores. Unha zona en mutación: o que fora o ‘cinto vermello’ de PSUC, PSC e Iniciativa virou cara certa cor laranxa (Ciudatans). Nas eleccións españolas do 26 de xuño o espazo representado por Podemos gañou en 35 dos 36 municipios desta Área metropolitana. Nas eleccións cataláns do 27 de setembro Ciutadans impúxose en 12 concellos, entre eles Hospitalet, a segunda cidade de Barcelona. Os candidatos independentistas tiveron 39% dos votos, 45% os unionistas e 11% para os ‘comúns’.

O unionismo está a poñer toda a carne no asador na AMB, confiando en que unha gran mobilización destas cidades, nadas e construídas en base ás vagas de inmigración de diferentes partes do Estado, derrote o independentismo. Un independentismo que nestas zonas non é manco (tivo 4 de cada 10 votos nas eleccións de 2015) e onde ERC e CUP tamén se marcan importantes actos de campaña para estas dúas semanas, conscientes do que está en xogo.

Comentarios