A ruta do Mediterráneo, a máis perigosa

2016: o ano da morte para as persoas refuxiadas

Cando aínda non rematou o 2016 pode dicirse con certeza que este é o ano cun peor balanzo de mortes de persoas refuxiadas e migrantes. Segundo a Organización Internacional para as Migracións (OIM), faleceron este ano máis de 7.200 persoas refuxiadas e migrantes.

[Imaxe: Sara Creta/MSF] Resgate de refuxiadas no Mediterráneo
photo_camera [Imaxe: Sara Creta/MSF] Resgate de refuxiadas no Mediterráneo

Os números da OIM representan unha media de 20 mortes cada día e o organismo advirte de que, no que resta de ano, a cifra total de persoas falecidas podería aumentar entre 200 e 300 persoas. Aliás, a organización sinala a posibilidade de que moitas mortes pasen desapercibidas e non sexan rexistradas nin por Gobernos nin por entidades humanitarias.

O balanzo da OIM non contempla o último naufraxio que tivo lugar no Mediterráneo na sexta feira, cando as embarcacións de caucho en que se desprazaban as persoas refuxiadas romperon e todos as ocupantes caeron ao mar. Só sobreviviron 63.

O Mediterráneo: a gran foxa común

O rexistro da OIM, que contempla as mortes nas rutas habituais da migración (Mediterráneo, norte e sur de África, África Central e a fronteira entre México e os EUA) ten contadas 5.740 persoas falecidas en 2015, unha cifra que caía a 5.267 persoas en 2014. A ruta do Mediterráneo foi a máis mortífera, pois nela perderon a vida arredor de 5.000 refuxiadas.

A guerra en Siria e os conflitos no Iraq e Nixeria provocan o éxodo masivo de persoas, obrigadas a fuxir dos seus países.

A ACNUR (Axencia da ONU para Refuxiadas) empraza os Estados a incrementaren as vías de admisión de persoas refuxiadas

Neste contexto, a ACNUR (Axencia da ONU para Refuxiadas) empraza os Estados a incrementaren as vías de admisión de persoas refuxiadas, así como a reunificación das familias. A respeito do número de persoas acollidas na UE, cando se cumpriu un ano dos compromisos de relocalización e reasentamento asinado entre os países, tan só se chegou ao 7% do recollido nos acordos.

Hai máis dun ano, a UE comprometérase a resituar desde Italia e Grecia 160.000 solicitantes de asilo, así como a reasentar desde países de fóra da UE 20.000 persoas refuxiadas. Todo isto no prazo de dous anos. Porén, até agora só se realizaron 5.000 resituacións e 8.000 reasentamentos, segundo os dados da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado.

Comentarios