200 mil voces claman pola liberdade dos Jordis, os líderes dos colectivos soberanistas

Jordi Sànchez e Jordi Cuixart. O soberanismo catalán -e tamén sectores non independentistas mais si democráticos da sociedade do Principat- veos como presos políticos. Que existan presos políticos é, aos ollos do bloco independentista, sinal inequívoco da putrefacción do réxime de 1978. Arredor de 200 mil persoas ateigaron no serán desta terza feira a Diagonal de Barcelona -unha das arterias básicas da capital- para demandar a súa liberdade.

Jordi

Sánchez e Cuixart ingresaron en Soto del Real no serán da terza feira e desde ese momento adquiriron un enorme valor simbólico para o movimento independentista. Son a demostración de que a democracia española arrastra enormes déficits de lexitimidade, os decorrentes do non respeito dos máis elementais direitos cívicos.

Esta terza feira produciuse a primeira manifestación de masas en Catalunya en demanda da liberación dos presidentes da Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural -Sánchez e Cuixart, respectivamente-, encarcerados, como unha medida cautelar, por unha orde da xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela sob a acusación de sedición.

No manifesto lido pola actriz Sílvia Bel ao termo dunha nova mobilización masiva do soberanismo, as entidades convocantes puxeron en destaque que o Estado "actúa como unha ditadura" ao "xulgar e privar de liberdade" aos portavoces de entidades -a ANC e OC- que sempre se teñen caracterizado polo carácter pacífico de todas as súas accións. "Se encadean os Jordis, encadéannos a todos", afirmaron.

"Non estades sós" ou "Presos Políticos, Liberdade"  foron algúns dos cánticos máis coreados durante unha marcha na que tomou parte o vicepresident do Govern e líder de ERC, Oriol Junqueras, non así Carles Puigdemont quen, desde o encarceramento dos Jordis, só se ten pronunciado através da súa conta twitter.

Puigdemont ha de tomar a palabra, aliás, nunha nova comunicación postal rumo á Moncloa: a quinta feira 19 de outubro vence o último prazo dado por Rajoy para saber se o president declarou ou non a independencia. Depende do que diga, a quinta feira pode ser o día da suspensión do autogoberno catalán. A maquinaria represiva de Madrid continúa a pleno rendemento. 

Comentarios