Daesh reivindica o atentado

A policía identifica un mozo de 22 anos nado en Manchester como o terrorista suicida

Produciuse á saída dun concerto da cantante Ariana Grande. A maioría das vítimas mortais son mozas e mozos. O atentado, a acción dun terrorista suicida, ten lugar a tres semanas das eleccións a Westminster. Os partidos suspenderon esta terza feira a campaña eleitoral. Daesh reivindicou a autoría do ataque, informou hai uns minutos Reuters. A policía identificou o suicida como Salman Abedi, cidadán británico de 22 anos nado en Manchester e de orixe libia.

Yahoo
photo_camera A policía atende dúas mozas após o atentado

Un novo ataque terrorista golpea Europa, desta volta no Reino Unido e a apenas tres semanas de a cidadanía británica ir votar nas eleccións xerais.

O atentado produciuse á saída do Manchester Arena, o estadio en que se realizou o concerto de Ariana Grande -ídolo da infancia e da mocidade no Reino Unido-, polo que tiña como o albo a multitude -por volta de 21.000 persoas- que asistiu a el.

Foi un único estourido explosivo, no vestíbulo do Manchester Arena, o que produciu a morte de 22 persoas e feridas a outras 59.

Após manexar durante horas os servizos secretos norteamericanos que se trataba dun ataque suicida, fontes oficiais do Reino Unido confirmaron ese extremo e informaron da morte do autor do atentado.

ARRESTADO UN HOME EN RELACIÓN CO ATENTADO

Embora nas primeiras horas se especulou coa hipótese de o ataque ser obra dun lobo solitario, a policía acaba de informar sobre a detención dun home de 23 anos que estaría relacionado co atentado. Nen a súa identidade nen a do terrorista suicida teñen sido aínda facilitadas polo corpo armado.

 

O TERRORISTA SUICIDA, FILLO DE REFUXIADOS LIBIOS

Segundo The Daily Telegraph, a policía tería identificado como o terrorista suicida Salman Abedi, un cidadán británico de 22 anos nado en Manchester.

Abedi sería fillo dunha parella de refuxiados libios que terían abandonado o seu país por estaren de acordo co goberno de Muamar Gaddaffi.

Nota: Esta información foi actualizada ás 18.46 h

Comentarios