POLO ACORDO ENTRE A UE E TURQUíA

19.000 crianzas refuxiadas, atrapadas en Grecia

O novo acordo entre a UE e Turquía provocou que máis de 19.000 crianzas refuxiadas continúen a día de hoxe atrapadas en Grecia.

emergencia-europa peq
photo_camera [Imaxe: ACNUR] Refuxiadas

Segundo os últimos dados fornecidos por Unicef, as crianzas representan o 40% da poboación migrante e refuxiada en Grecia, é dicir, un total de 19.000 nenos e nenas. O novo acordo asinado entre a UE e Turquía, e que implica a deportación das persoas refuxiadas, provocou que a día de hoxe estes milleiros de cativos e cativas continúen atrapados no país heleno.

Ademais, as cifras de Unicef revelan que unha de cada dez crianzas refuxiadas están soas, pois viaxaron sen os seus familiares. Son os coñecidos como “menores non acompañados”. Para estas crianzas, Unicef reclama que sexan levadas a centros de protección e nunca de detención, aliás de seren atendidas con especial coidado. De aí que propoñan reforzar os mecanismos de resposta de Grecia.

Precisamente nun gran centro de detención é no que se converteu a illa grega de Lesbos após entrar en vigor o polémico acordo entre a UE e Turquía. Isto motivou que ONG como Médicos Sen Fronteiras ou ACNUR anunciaran esta sexta feira a suspensión das actividades no campo de Moria, en Lesbos. “Continuar traballando no interior do centro faríanos cómplices dun sistema que consideramos inxusto e inhumano”, asegurou ACNUR.

Lesbos pasou de ser punto de referencia na acollida de persoas refuxiadas e migrantes a converterse nun centro de detención

A illa de Lesbos pasou de ser punto de referencia na acollida de persoas refuxiadas e migrantes a converterse nun centro de detención como primeiro paso da súa deportación a Turquía. A situación en Lesbos é cada vez máis desesperada, con persoas que sobreviven nunhas condicións precarias, agravadas pola chuvia e o frío. Na mañá do sábado, os campamentos amecían inundados polas fortes chuvias que caeran durante a noite.

Polonia négase a acoller persoas refuxiadas

A situación, lonxe de se normalizar, empeora. Após os atentados de Bruxelas, Polonia anunciou que non acollerá máis persoas refuxiadas. A primeira ministra polaca, Beata Szydlo, afirmou que o país non pode permitirse acoller máis solicitantes de asilo “nas circunstancias actuais”.

O anterior Goberno polaco comprometérase a aceptar máis de 7.000 solicitantes, dentro do sistema de cotas de refuxiadas estabelecido por Bruxelas.

Comentarios