Os 17 territorios sen autonomía política

Case dous millóns de persoas no mundo mantéñense baixo o 'statu quo' estabelecido durante a época colonial polos grandes imperios, especialmente o británico. Son un total de 17 territorios non autónomos os recoñecidos pola ONU, que desde a súa fundación hai 75 anos mantén o compromiso coa descolonización. 
2020052515111847810
photo_camera Namibia conseguiu culminar o proceso de descolonización en 1990, o último que se produciu en África e que iniciou Ghana en 1957 (John Isaac / un.org)

A Asemblea Xeral da ONU celebra anualmente desde o ano 2000, do 25 ao 31 de maio, a "Semana internacional de solidariedade cos pobos dos Territorios Non Autónomos". Son aqueles "cuxos pobos aínda non alcanzaron a plenitude dun Goberno de seu", segundo a definición que figura no Capítulo XI da Carta das Nacións Unidas, asinada o 26 de xuño de 1945 en San Francisco (California, EUA). 

O 14 de decembro de 1946, a Asemblea Xeral da ONU aprobou unha listaxe de territorios que cumprían con eses criterios. A relación foi elaborada por oito Estados membros: Australia, Bélxica, Dinamarca, Estados Unidos, Francia, Nova Celandia, Países Baixos e Reino Unido, que incluíron 72 territorios baixo a súa administración dos que consideraban non autónomos. 

Oito independizáronse antes de 1959 e outros 21 foron retirados. Nalgúns casos, como Alaska, Grenlandia e Hawaii, a Asemblea Xeral aceptou a decisión; no resto, foi tomada unilateralmente pola potencia colonial.

En 1945, arredor de 750 millóns de persoas ─case un terzo da poboación mundial de entón─ vivía en territorios sen autonomía política nos termos estabelecidos pola ONU. É dicir, dependían de potencias coloniais ou, tal e como se designaron oficialmente, "potencias administradoras".

En 1961, a Asemblea Xeral da ONU estabeleceu o Comité Especial de Descolonización (C-24) e incluíronse máis Territorios Non Autónomos, como por exemplo as colonias portuguesas e españolas. Durante esa década producíronse numerosos procesos de independencia, un dos piares fundacionais da ONU e un dos seus principais éxitos nestes seus 75 anos de vida. 

1.701.895 persoas

Desde 1960 a 2002, 54 territorios conseguiron a autonomía e convertéronse en Estados de pleno dereito. Na actualidade, continúan a figurar no programa do C-24 un total de 17 Territorios Non Autónomos, a maioría subordinados aos Gobernos británico, estadounidense e francés. Isto é, un total de 1.701.895 persoas, segundo datos de 2019. 

O Reino Unido ten baixo o seu dominio dez: Anguila, Bermudas, Illas Virxes británicas, Illas Caimán, Illas Malvinas, Montserrat, Santa Elena e Illas Turca e Caicos (no Atlántico e Caribe); Pitcaim (no Pacífico); e Xibraltar (en Europa). Os EUA, tres: Illas Virxes estadounidenses (no Caribe); e Samoa Americana e Guam (no Pacífico). E Francia, dous: Polinesia Francesa e Nova Caledonia (no Pacífico). Ademais, Nova Celandia ten baixo dominio o arquipélago de Tokelau.

Sáhara Occidental

O caso máis singular dos procesos de colonización e descolonización é o do Sáhara Occidental, derradeiro territorio de África que permanece baixo administración dunha forza ocupante.

Foi incluído en 1963 na lista de Territorios Non Autónomos, e o 26 de febreiro de 1976 o Goberno español informou o Secretario Xeral da ONU de que daba por terminada a súa presenza alí ─ante a presión de Marrocos ("marcha verde"), os EUA e Francia─, desentendéndose do compromiso de organizar un referendo de autodeterminación.

Desde entón, Marrocos mantén unha ocupación militar do Sáhara Occidental coa oposición da Fronte Polisario, que un día despois da saída española proclamou a República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

Con motivo da Semana internacional de solidariedade da ONU, a Conferencia europea de apoio e solidariedade co pobo saharauí (Eucoco) emitiu un comunicado lembrando o compromiso alcanzado en 1989 polo Consello de Seguridade da ONU ─apoiado por Marrocos e a Fronte Polisario─ para organizar un referendo de autodeterminación no prazo de dous anos, o Minurso (Misión das Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental).

"Complicidade da UE"

"Xa pasaron 30 anos", sinalou Pierre Galand, presidente de Eucoco, mais o plebiscito continúa sen se desenvolver polas "tácticas dilatorias de Marrocos, a potencia ocupante segundo o dereito internacional". "Este Goberno está a violar todas as súas obrigas tanto coas poboacións nos territorios ocupados como cos presos políticos, e a saquear os recursos naturais do país coa complicidade ou compracencia de moitos Estados e de empresas da Unión Europea", denunciou.

Ademais, fixo un chamamento ao Secretario Xeral das Nacións Unidas, "neste período de grande inseguridade pola pandemia da COVID-19", para que "propoña á Asemblea Xeral o recoñecemento da RASD, Estado membro da Unión Africana". 

E, de forma máis xeral, pediu "a reactivación do multilateralismo" para "pór fin ao gran sufrimento da cidadanía" dos Territorios Non Autónomos.

Comentarios