150 cargos electos piden un referendo sobre a reunificación da Bretaña

Incluídos 7 deputados e 6 senadores, queren que os votantes do Loire-Atlantique sexan consultados en referendo sobre se queren ou non unirse á rexión da Bretaña, da que facían parte historicamente até que en 1941 o Goberno da Francia de Vichy as separou. 
breizh bretaña
photo_camera Imaxe de arquivo dunha manifestación a favor da reunificación bretoa.

O 19 de abril de 2021 faranse 80 anos desde que a Francia de Vichy, o réxime político instaurado polo mariscal Philippe Pétain, colaboracionista coa Alemaña nazi, decretase a separación do departamento de Loire-Atlantique do resto da Bretaña histórica. Desde entón, e especialmente a partir da década de 1970 coas primeiras manifestacións cidadás, a reunificación é un tema recorrente, apoiado por un amplo abano de formacións políticas, inherente no caso das soberanistas.  

Até 150 cargos electos de todas as partes da Bretaña, incluídos 7 deputados e 6 senadores, queren que os votantes do Loire-Atlantique sexan consultados en referendo sobre se queren ou non unirse á rexión da Bretaña.

Así, numerosas enquisas realizadas nos últimos corenta anos demostraron que perto de 2/3 dos cidadáns do Loire están a favor de retornar o seu territorio á rexión de Bretaña. Este desexo é compartido principalmente por cidadáns doutros departamentos bretóns.

Máis recentemente, no outono de 2018, unha petición que pedía un referendo de votantes no Loira Atlántico sobre esta cuestión recollía 105.000 sinaturas escritas e rexistradas, ou máis do 10% dos votantes rexistrados.

A mediados do pasado mes de decembro a bandeira nacional bretoa, a Gwenn ha Du, ondeou na Casa do Concello de Nantes (Naoned, en bretón), un simbólico paso máis cara á arelada reunificación do país. A cidade dos Duques da Bretaña é capital de Loire-Atlantique, departamento dentro da rexión do País do Loira e separado dos outro catro que actualmente conforman a rexión administrativa francesa da Bretaña. A nación histórica (Breizh, en bretón, que se divide en nove territorios ou broioù) tamén inclúe Loire-Atlantique. 

Comentarios