140 afogamentos en espazos acuáticos do Estado no que vai de ano

O mes de xullo, o primeiro íntegro do verán, suma 49 mortes ás cifras de afogamentos non intencionais nos espazos acuáticos do Estado. Entre os denominadores comúns destes casos atópase a falta de vixilancia nos lugares de baño. O 94% dos decesos déronse nestas circunstancias.
A praia de Sanxenxo esta cuarta feira, con persoas aproveitando as horas de sol no Salnés. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera A praia de Sanxenxo esta cuarta feira, con persoas aproveitando as horas de sol no Salnés. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

49 persoas faleceron por afogamento non intencional no Estado en xullo, unha terza parte das 140 mortes rexistradas nos primeiros sete meses do ano por esta causa, segundo informou a Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo.

Catalunya, con dez casos; Andalucía, con sete; e Illes Balears, con seis, acumulan case a metade dos afogamentos do mes pasado. Os territorios de Asturies, Aragón, Cantabria, Nafarroa, Ceuta e Melilla foron os únicos que non rexistraron decesos nese período.

No conxunto do ano, Andalucía ostenta o maior número de falecementos, até 27 persoas, mentres que País Valencià e Catalunya suman 24 casos, seguidos de Canarias con 14 e Illes Balears con 10. Na Galiza, dúas persoas perderon a vida en xullo, nove no que vai de 2021.

Desde 2015, cando comeza a rexistrarse a serie histórica no Informe de Afogamentos estatal, estes sete meses de 2021 supoñen a cifra máis baixa de mortes, salienta a Federación de Salvamento e Socorrismo.

Perfil maioritario

No documento subliñan que o perfil maioritario das persoas falecidas no Estado por afogamento non intencional no que vai de 2021, é o dun home -o 80% dos mortos nestas circunstancias- de máis de 65 anos ou de entre 18 e 25 anos, idades ás que corresponden o 40,8% e o 14,3% dos óbitos respectivamente.

Producíronse nas praias até o 54% destes casos, alí perderon a vida 75 persoas neste ano. As horas con peores rexistros son as que van das 12 da mañá ás 4 da tarde, onde se agrupan o 34,7% das situacións mortais.

As piscinas son outro dos lugares onde, sobre todo en xullo, aumentaron os falecementos, 13 nese mes e 23 ao longo do ano.

Un dos datos que destaca o informe é que o 94% dos decesos se deron en espazos acuáticos sen servizo de socorrismo. No que atinxe á nacionalidade das vítimas, un 39% procedían do Estado español, 10% dalgún país europeo, un 5,7% de África e un 5% do continente americano. No 40% dos casos non se precisa.
 

Comentarios