O outro 12 de outubro: Día da Resistencia Indíxena

Venezuela declarou en 2002 esta data como un día para o recoñecemento da diversidade cultural e humana, reivindicando tanto aos pobos indíxenas vítimas da colonización española como as achegas doutros pobos e culturas que contribuíron á conformación da nacionalidade venezolana, baixo o espírito do diálogo, a paz e a xustiza social.
Día da resistencia indíxena

O 12 de outubro o Estado español conmemora o seu 'Día Nacional', aquel que baixo a ditadura fascista levou por nome o de 'Día da raza'. Cada ano, esta data festexa a chegada de Cristóbal Colón ao continente americano e exalta a colonización. Con desfiles militares e viños de honra nos cuarteis, os sucesivos gobernos foron mantendo no tempo e no imaxinario colectivo que a morte e sometemento de milleiros de persoas era digna dos máis grandes festexos. En aras da 'españolización' que séculos despois aínda se promove e practica, o Estado español rende hoxe homenaxe aos verdugos. Porén, América Latina --e especialmente Venezuela -- vive esta sexta, unha xornada de recoñecemento á “constancia dos pobos na súa loita pola liberdade”, como o propio Hugo Chávez o definiu.

Venezuela recoñece neste día a autoafirmación americanista pola unidade e a diversidade cultural e humana do país. 

En 2002, pouco despois de sobrevivir a un golpe militar, o presidente venezolano asinaba o Decreto 2028 polo que aprobaba a proclama do 12 de outubro como 'Día da Resistencia Indíxena'. O obxectivo do goberno bolivariano era reivindicar a quenes foran oprimid@s e asasinad@s coa chegada dos europeos --nomeadamente españois-- a terras americanas e garantir as debidas modificacións lexislativas para que os pobos orixinarios do país gozasen de recoñecemento na Constitución Nacional. Neste senso, o goberno venezolano valorou os pobos indíxenas como unha prioridade desde o inicio da revolución bolivariana. Mostra diso foi, entre outros aspectos, a aprobación da Lei Orgánica dos pobos e comunidades indíxenas, unha ferramenta xurídica creada para regulamentar todos os asuntos relativos aos dereitos dos pobos orixinarios.

Bolivia, Ecuador, Perú e Arxentina
Co inicio dos procesos de cambio en América Latina, outros foron os países que seguiron o camiño bolivariano e mudaron radicalmente a orientación do 12 de outubro para a converteren nunha xornada de loita e respecto á multiculturalidade. Asi, Evo Morales fixo o propio en Bolivia o pasado ano 2011. No marco do Día Continental da Descolonización --celebrado polos países membros da Comunidade Andina--, o primeiro presidente indíxena de América Latina estabelecía mediante decreto supremo o 12 de outubro como data de conmemoración do proceso de cambio iniciado no país. Pola súa banda, Perú declarou o 12 de outubro 'Día dos Pobos Orixinarios e do Diálogo Intercultural', Ecuador o 'Día das Culturas' e Arxentina o 'Día do respecto á diversidade cultural'.

Comentarios