Máis dun centenar de palestinos resulta ferido en Xerusalén

Un cento de palestinos sufriu feridas na Cidade Vella de Xerusalén Leste, logo de 300 ultraortodoxos e da extrema aporximárense á Porta de Damasco ao berro de "morte aos árabes".

Máis dun cento de palestinos resultan feridos en Xerusalén Leste (Foto: Jamal Awad / Zuma)
photo_camera Máis dun cento de palestinos resultan feridos en Xerusalén Leste (Foto: Jamal Awad / Zuma)

Máis dun cento de palestinos resultaron feridos na noite da quinta feira para esta sexta, 23 de abril, na Cidade Vella de Xerusalén Leste, logo de que un numeroso grupo duns 300 ultraortodoxos e da extrema dereita se aproximase á Porta de Damasco ao berro de "morte aos árabes". Alí encontráronse con contramanifestantes palestinos, que lles fixeron fronte.

A Policía, que se despregou até a zona fixo uso de gas lacrimóxeno e canóns de auga para dispersar as e os presentes nunha área que foi recentemente escenario de disturbios e tensións desde que comezou o Ramadán.

A Media Lúa Palestina indicou que polo menos 105 palestinos resultaron feridos, dos cales 22 tiveron que ser hospitalizados, mentres que a Policía estima, pola súa banda, que son unha vintena os axentes feridos polos enfrontamentos. Tres deles tiveron que desprazarse até un hospital da zona.

A Policía explicou, ademais, que unhas 50 persoas foron detidas por lanzar pedras e fogos de artificio, así como asaltar axentes e levar a cabo outros actos violentos ao longo da noite. 

Os axentes sinalaron que os sionistas lanzaron pedras e prenderon lume ao mobiliario urbano en varios puntos da cidade. Os enfrontamentos tiveron lugar un día despois de que se produciran unha serie de confrontes entre defensores da causa palestina e sionistas en Xerusalén.

En resposta a estes sucesos, o grupo ultradereitista e antipalestino Lehava convocou unha protesta para apoiar a "honra nacional".

Esta semana estanse a producir protestas para denunciar a represión do Estado de Israel contra os militantes das organizacións soberanistas de Palestina (máis de 4.500 presos palestinos están en prisións israelís, entre eles 168 menores, 440 sen cargos formais nin xuízo, segundo denunciou este mes a Organización para a Liberación de Palestina).

Comentarios