100 anos de Annual e a vitoria do independentismo do Rif

O desastre de Annual puxo o descuberto tanto as carencias do Exército español como as neglixencias do alto mando, con Alfonso XIII á cabeza. Para non afrontar as responsabilidades militares, Primo de Rivera deu un golpe de Estado que rematou coa investigación, nunha guerra colonial que só puideron gañar con armas químicas.
Cadáveres de soldados españois no campo de batalla de Annual (Rif). (Foto: Exército español)
photo_camera Cadáveres de soldados españois no campo de batalla de Annual (Rif). (Foto: Exército español)

Esta quinta feira fanse cen anos do coñecido como o desastre de Annual -vitoria de Annual para as rifeñas e rifeños-, unha das peores derrotas militares do Exército español, que perdeu 13.000 efectivos, segundo recolle o expediente Picasso, o informe redactado polo xeneral Juan Picasso González para explicar os feitos acontecidos.

Despois da perda de Cuba e das principais colonias do seu proxecto imperial, o Estado español dirixido por Alfonso XIII fixou a vista no norte de África para recuperar a gloria perdida, onde o protectorado español en Marrocos estaba tomado polos independentistas rifeños de Abd el-Krim, que demandaban a súa soberanía sobre o territorio rifeño.

En 1920, o xeneral Manuel Fernández Silvestre toma posesión da Comandancia Xeral de Melilla, a partir de alí vai avanzando en dirección á baía de Alhucemas co obxectivo de “pacificar” os dominios coloniais.

Chegado maio de 1921, a meirande parte das 18.000 tropas dirixidas por Silvestre se atopa no campamento instalado en Annual (Rif), como base para rematar a conquista da baía, nun val rodeado de montañas cun só camiño principal que o une con Melilla.

O 17 de xullo, as tropas rifeñas atacan todas as posicións estabelecidas por Silvestre, pouco despois caen Igueriben e Sidi Idris, na costa mediterránea. O 22 de xullo, os militares baixo o mando de Abd el-Krim se lanzan contra o campamento.

Ao tempo, o xeneral Silvestre retrasa a evacuación do lugar en espera duns supostos reforzos, e só dá a orde cando os rifeños comezan a entrar no campamento. O expediente Picasso apunta que a meirande parte das mortes se produciron polo intento de escape sen orde de militares e soldados ao verse atacados, cedendo case todas as posicións e imposibilitando calquera estratexia de defensa.

O xeneral Silvestre, considerado un dos maiores responsábeis da masacre que se estende até o 9 de agosto de 1921, desaparece o 22 de xullo no medio do ataque, non se lle volverá ver.

Seis anos dunha confrontación que rematou co uso de armas químicas

O expediente Picasso cualificou de neglixente a actuación do alto mando da monarquía española a pesar das presións para que non fora investigado e a negativa de proporcionar ao xeneral Picasso parte dos documentos oficiais, apuntando algúns medios a responsabilidade directa de Alfonso XIII no acontecido, que poñía en dúbida a capacitación dos militares españois para continuar coas operacións coloniais. O golpe de Estado de Miguel Primo de Rivera acaba coa investigación e a solicitude de asunción de responsabilidades dos culpábeis.

A guerra contra os independentistas rifeños alongaríase seis anos máis, até que o Estado español e Francia apostaron polo uso de gas mostaza para atacar a poboación civil do Rif, que en 1956 sería entregado a Marrocos cando se independizou de Francia.

Comentarios