Os 10 bancos máis solventes de Europa son públicos

A banca pública está de volta en Europa. Mentres as entidades privadas non viven os seus mellores momentos malia as liñas de liquidez masivas e a baixo interese do Banco Central Europeo, a banca pública aparece como a solución neste momento nunha boa parte daqueles Estados europeos máis desenvolvidos.
Banco público Frankfurt
photo_camera Sede en Frankfurt do Kreditanstalt für Wiederaufbau

Kreditanstalt für Wiederaufbau (Banco de Crédito para Reconstrución), popularmente coñecido pola súas siglas KfW, é o banco máis solvente do sistema financeiro europeo. A entidade, propiedade do Goberno federal alemán, fundada en 1948 para xestionar os recursos procedentes do Plan Marshall, dispuña en 2019 duns activos de 556.424 millóns de euros, dun cadro de persoal de 6.700 persoas e de 6,75% do total dos depósitos bancarios da cidadanía alemá.

O KfW significouse pola súa resposta ás dúas últimas crises. Se en 2008 destacou pola súa aposta no crédito nun momento de ausencia de liquidez no mercado, na crise actual canalizou a totalidade das axudas públicas que, por unha contía de un billón de euros, puxo en marcha o Executivo alemán. O seu plan de negocios está dirixido cara ao apoio ás pequenas e medianas empresas de nova creación, á construción de vivendas en réxime de alugueiro e ao financiamento a proxectos económicos considerados estratéxicos.

O Zürcher Kantonalbank, cuxas siglas son  ZKB, é o segundo banco máis solvente de Europa. A entidade goza da máxima cualificación das axencias de cualificación Stándar&Poor´s, Fitch e Moody´s, conta cuns activos totais de 172.671 millóns de euros, 107 oficinas e 2.000 traballadores e traballadoras, estando considerada como a organización financeira líder na área metropolitana de Zürich. O banco, fundado en 1870, é propiedade do Goberno do cantón de Zürich.

KfW e ZKB non son unha excepción. Segundos os datos fornecidos por Global Finance  para 2019, as 10 entidades de crédito máis solventes de Europa son de titularidade pública, situándose tras KfW e ZKB, o holandés BNG Bank, o alemán Landwirtschaftliche, o alemán L-Bank, o holandés NRB Bank, o noruego Komunalbanken, o alemán NRW Bank, o sueco Swedish Export e o luxemburgués BCEE. Ao tempo, Global Finance, a publicación de referencia para temas bancarios, destaca que as referidas entidades signifícanse por unhas prácticas non abusivas coa súa clientela e unha presenza chave nas pequenas e medianas empresas.

A realidade da banca pública e plural é desigual en Europa. Así, dentro desta categoría englobamos as axencias estatais de investimentos, as entidades nacionalizadas durante a Gran Recesión e os operadores bancarios impulsados polas diversas Administracións.

A realidade da banca pública e plural é desigual en Europa. Así, dentro desta categoría englobamos as axencias estatais de investimentos, as entidades nacionalizadas durante a Gran Recesión e os operadores bancarios impulsados polas diversas Administracións. Ao tempo, a súa presenza muda en función do nivel de desenvolvemento e do alcance do Estado do Benestar nas diferentes áreas continentais, logrando unha maior penetración nos denominados Estados centrais, e de modo moi particular en Alemaña, Francia e Países Baixos.

Así, por exemplo, a Asociación Europea de Bancos Públicos agrupa máis de 30 entidades financeiras cun balance global de 3,5 billóns de euros, unha cota de mercado de 15% e un cadro de persoal de 190.000 persoas. Os estatutos da asociación fixan como obxectivos “o apoio á economía social e ao desenvolvemento sostíbel” e “o financiamento á vivenda social, ao sistema sanitario, á educación e ás infraestruturas públicas”.

A ausencia dun sistema financeiro público é outra das anomalías do Estado español no contexto europeo. A súa ausencia resulta particularmente grave en situacións de emerxencia económica, tal como observamos ao longo da Gran Recesión, sinalando a este respecto un recente estudo da Unión Xeral de Traballadores (UXT), que “España está en desvantaxe con outros países da UE para enfrontar a reconstrución social e económica após a crise da Covid-19, pois carece dunha banca pública, de titularidade pública e con vocación de servizo público”.

Comentarios