As 10 ameazas financeiras do TiSA

O observatorio Public Citizen Global Trade Watch publica as principais medidas que compoñen o corpo do Trade in Services Agreement (TiSA) e advirte dos seus prexuízos para o sistema financeiro internacional. 

TISA
photo_camera TISA

Os documentos filtrados por Wikeleaks no marco das negociacións do Trade in Services Agreement (TiSA) continúan a deitar luz sobre os obxectivos deste acordo transnacional que visa desregular o comercio de servizos após o fracaso da Rolda Doha no marco da Organización Mundial do Comercio (OMC). 

Neste senso, o obervatorio cidadán dobre a globalización do comercio internacional, Public Ctizen Global Trade Watch, vén de publicar unha análise do corpo central do TiSA na que sinala as 10 ameazas que contén para o sistema financeiro mundial. 

Aliás, advirte o investigador Ben Beachy, autor do informe, o tratado recolle ampliadas as recomendacións impostas polas grandes entidades financeiras antes do estourido da crise económica capitalista en 2008. 

1. Restrinxir as medidas de equidade para limitar os riscos financeiros.
O TiSA impón regras de “acceso total ao mercado” impedindo calquera restrición ás empresas que actualmente se fixan de maneira equitativa para as entidades oriondas e estranxeiras. Entre estas novas regras de xogo o tratado capacita as transnacionais para demandar os gobernos perante tribunais de arbitraxe se estes mudan súas lexislacións para frear a entrada e comercialización de produtos financeiros tóxicos como os que orixinaron o crack de 2008. 


2. Permitir a exportación de dados persoais d@s consumidor@s. 
Malia o escándalo xurdido tras as filtracións de Edward Snowden nas que denunciaba o manexo de dados sensíbeis por parte da axencia de espionaxe norteamericana, NSA, o acordo que negocian 51 países –entre os que se atopan os EUA e a UE-- prevé a posibilidade de que as corporacións financeiras poidan transportar duns territorios a outros os dados d@s consumidor@s, mesmo naqueles espazos onde non están sometidos a control fiscal ou a lexislacións de protección. Este punto, contravén e viola os ordenamentos xurídicos da maior parte dos estados negociadores. 


3. Obrigar os gobernos a predecir todas as súas futuras regulacións naqueles puntos que poidan contradicir o TiSA. 
Os executivos deberán prever mudanzas lexislativas futuras que puidesen afectar aos intereses das corporacións mesmo as referidas a aqueles produtos financeiros aínda por desenvolver. 


4. Prohibir de maneira indefinida toda regulación financeira. 
En relación co anterior, os estados asinantes non poderán estabelecer novas regulacións aos seus sistemas financeiros que contraveñan a liberalización absoluta fixada polo TiSA. Nos documentos filtrados por Wikileaks denomínase este efecto como ratchet (roquete), un elemento que en mecánica permite que unha engranaxe xire cara á un lado pero impide que o faga en sentido contrario. 


5. Prohibir os controis de capitais fronte ás crises financeiras.
De acordo coas dúas ameazas anteriores, o TiSA impedirá que se os gobernos limiten o fluxo de capitais cando, como aconteceu en 2008, se produza unha crise froito da especulación masiva. 


6. Exixir a aceptación de produtos financeiros non creados.
As limitacións, segundo o TiSA, só poderán fixarse se previamente se demostra a toxicidade de produtos derivados como os CDS e CDO causantes da crise de 2008. Porén, estes produtos financeiros, que visan aumentar e acelerar os beneficios especulativos, non se evidencian perigosos até a súa posta en circulación, como demostrou a súa comercialización durante anos até o crack de 2008. 


7. Permitir as normas financeiras vixentes noutros países.
Rocognition (recoñecemento), así se define o proceso de asunción dos marcos normativos doutros estados asinantes do tratado. Neste senso, se unha actividade financeira está permitida no país de orixe dunha transnacional, os territorios onde esta decida expandir a súa actuación non poderán limitalo nen regulalo. Non se prevé a armonización dos ordenamentos xurídicos senón obrigar a aceptar prácticas financeiras vixentes, por exemplo, en paraísos fiscais.


8. Pemitir que as transnacionais paralicen a aplicación de regulacións. 
O tratado obrigará a expor publicamente os bosquexos das normativas ou regulamentos que estean a deseñar, obrigándoos a asumir un debate legal previo á súa entrada en vigor. Este tempo permitirá ás corporacións despregar os seus lobbistas para condicionar a redacción en virtude dos seus intereses. E, de non o conseguiren, manteñen a capacidade de presentar unha demanda perante un tribunal de arbitraxe internacional polos prexuízos que lles cause novo marco. 


9. Prohibir preferencias públicas nacionais. 
Os estados asinantes veranse obrigados a asumir a competencia de bancos estranxeiros mesmo se as garantías e salvagardas destes non cumpren cos requirimentos exixidos. Este feito exténdese tamén no referido a fondos de pensións ou seguros. 


10. Gobernos sen defensa legal.
Os executivos asinantes ficarán submetidos a unha cláusula legal pola cal non poderán adoptar medidas prudenciais que contradigan o contido do TiSA. Estes fican desprotexidos fronte ás transnacionais. 

Comentarios