CHOMSKY E PÉREZ ESQUIVEL LIDERAN O CHAMAMENTO

1 de Novembro, solidariedade internacional coa resistencia curda en Kobane

Este sábado ás 14.00h foi convocada unha xornada mundial de apoio á loita do pobo curdo en Rojava. 

Kobane

O chamamento foi lanzado por 130 persoas, procedentes de múltiples e diversos ámbitos, através dun manifesto de solidariedade coa resistencia curda en Kobane. O obxectivo é chamar a atención da denominada 'comunidade internacional' e a opinión pública sobre o que está a acontecer en Kobane mais tamén en toda a Rojava. 

Nomes como o lingüísta Noam Chomsky ou o Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel súmanse ao de moitas outras persoas nun berro conxunto contra o ISIS e en apoio e solidariedade coas Unidades de Protección Popular que defenden desde hai máis de corenta días o Curdistán sirio. Intelectuais, cientistas, xornalistas e organizacións de dereitos humanos de todo o mundo queren lembrar este 1 de Novembro que este é o cuarto ataque lanzado polo ISIS contra o sur da Siria e, no concreto, contra Kobane. Unha agresión na que están a aplicar maiores forzas após seren derrotados en anteriores ocasións polas Unidades de protección popular curdas (YPG e YPJ). 

Asemade, lanzan un berro unánime á denominada "coligazón internacional", nomeadamente os EUA, para que actúe de maneira efectiva na loita contra o ISIS apoiando, en primeiro lugar, o combate da resistencia curda. Neste senso, sinalan no manifesto publicado, "o ISIS ten abordado as fronteiras de Kobane, usando armas pesadas feitas nos EUA. Centenas de millares de civís atópanse ameazados", ao tempo que engaden: "o pobo de Kobane está tentando resistir usando armas básicas contra os ataques máis brutais de terroristas do ISIS, apenas coa axuda da Unidade de Protección Popular na rexión do Curdistán-oeste, o YPG e YPJ, mais sen calquera axuda internacional". 

Entre @s asinantes atópanse Noam Chomsky (EUA), o Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel ou Maria Augusta Calle, presidenta da Comisión de Soberanía e Relacións Internacionais da Asemblea Nacional do Ecuador

De por parte, explican, integrantes desa coligazón como Turquía "están a fornecer de apoio financeiro e militar aos terroristas do ISIS no Iraque e na Siria" polo que "se o mundo quer democracia no Oriente Medio, debe apoiar a resistencia curda en Kobane" e o propio proxecto político que representa Rojava. Para iso, chamaron a saír ás rúas e demostrar, así, o seu apoio á resistencia contra o ISIS. 

Entre os nomes das persoas asinantes atópanse o profesor Noam Chomsky; Adolfo Perez Esquivel, Premio Nobel da Paz 1980-Argentina; Luisa Morgantini, ex-vice-presidente da EP-Italia; Margaret Owen, avogada de dereitos humanos do Reino Unido; Prof. Michael Günter, Turquia Comissão Cívica UE (EUTCC) -US; Peter Tatchell, director da Peter Tatchell Foundation no Reino Unido; Fabio Amato, Representante das Relacións Exteriores do Partido RPC e Secretaria da Esquerda Europea-Italia; Nora Cortinas, activista de dereitos humanos, co-fundadora das Nais da Praza de Maio-Arxentina; María Augusta Calle, presidenta da Comisión de Soberanía e Relacións Internacionais da Asemblea Nacional do Ecuador.

Comentarios