O 1% máis rico do mundo acumula 63% da riqueza xerada desde 2020

As enerxéticas duplicaron beneficios no ano 2022.
Arnault, a maior fortuna mundial (Foto: Ecole polytechnique Université Paris-Saclay)
photo_camera Arnault, a maior fortuna mundial (Foto: Ecole polytechnique Université Paris-Saclay)

A actual crise de prezos está a disparar a desigualdade. Segundo o informe publicado esta segunda feira pola ONG Oxfam Intermón, titulad0 A lei do máis rico, 1% da poboación máis adiñeirada do mundo acumula 63% da riqueza xerada no planeta desde 2020.

O relatorio documenta o proceso de concentración de capitais en marcha e a acelerada caída das rendas do traballo como consecuencia da xestión da actual crise.

A investigación de Oxfam Intermón sinala que "durante a última década, o 1 % máis rico da humanidade acaparou máis de 50 % da nova riqueza global xerada". Nesa dirección, apunta a un agravamento desde proceso a partir de 2020, xa que "desde entón, dous terzos da nova riqueza xerada a nivel global foron parar ao 1 % máis rico, case seis veces máis que a que acaba en mans do 90 % máis pobre".

Nesta liña, aclara que  "por cada dólar de nova riqueza obtido por unha persoa pertencente ao 90 % máis pobre da humanidade, un multimillonario embólsase 1,7 millóns de dólares".

A pandemia veulle ben ás grandes fortunas. Neste sentido, Oxfam Intermón analiza que "os grandes plans de estímulo que se activaron, coa inxección de fondos públicos para axudar o conxunto da sociedade, tiveron como efecto colateral o repunte á súa vez dos activos e a riqueza en mans dunha elite.

Como resultado, e favorecidos por unha insuficiente tributación da riqueza e do capital, os súper ricos puideron amasar fortunas sen precedentes".

O relatorio lembra que "en 2022, as empresas enerxéticas e de alimentación duplicaron os seus beneficios, distribuíndo 257.000 millóns de dólares en dividendos aos seus accionistas; todo iso mentres máis de 800 millóns de persoas íanse á cama con fame cada noite".

A este respecto, a totalidade das grandes corporacións empresariais dispararon as ganancias ao longo da pasada anualidade.

A ofensiva do capital sobre o traballo tense agudizado nesta segunda década do século XXI. Desta forma, "a fortuna dos multimillonarios aumenta en 2.700 millóns de dólares cada día mentres que os salarios de polo menos 1.700 millóns de traballadoras e traballadores, máis que a poboación que ten a India, crecen por baixo do que sobe a inflación".

A fiscalidade ten contribuído a esta situación, xa que "por cada dólar recadado en impostos a nivel global, tan só catro centavos recádanse sobre a riqueza", residindo "a metade dos multimillonarios do mundo en países onde non se aplica ningún imposto de sucesións á riqueza que herdan os seus descendentes".

Comentarios