"O que está a acontecer é terrorismo contra a democracia e os pobos"

Francisco Louçá, do Bloque de Esquerdas. Economista e político portugués a través do cal boa parte de Europa visualiza esa “nova esquerda” que callou en Portugal de mans do Bloco, Louça estivo en Galiza para impartir en Pontevedra a lección de clausura da XXIX Semana Galega de Filosofía. Chegou ao auditorio da NGB en carro e directamente desde o Parlamento luso, unha cámara na que, recoñece, a crise provocou que o debate sexa a cada máis ideolóxico e menos técnico

Francisco Louça, do Bloco de Esquerdas
photo_camera Francisco Louça, do Bloco de Esquerdas

Chega dun Portugal convulso pola crise a unha Galiza igualmente a ferver 

A cousa é a mesma, unhas institucións económicas principalmente, mais non só, que unilateralmente toman medidas con efectos devastadores sobre a poboación. E non só, pois tamén se está a atacar a democracia e a soberanía. Cando falo de terror financeiro (título do relatorio que impartiu en Pontevedra, “As time goes by: Luta social contra o terror financieiro”) refírome exactamente a isto, a unha nova enxeñaría social na que se están a destruír os máis mínimos dereitos colectivos.

E hai capacidade de resposta?

Hai. Ten que darse unha resposta da mocidade, dos traballadores, dos desempregados contra este saqueo ao que estamos sometidos. Albíscanse indicios de contestación social importantes, moitas veces a través de fórmulas novidosas Desde a esquerda a nosa tarefa máis importante, e que semella case imposíbel mais temos que facela, é construír unha hemexonía revolucionaria, entendendo o termo en canto a transformación é radical.

 Nas súas intervencións fai fincapé na utilización da débeda coma unha ferramenta para a explotación

É que a partir da chantaxe da débeda estase a crear terrorismo financeiro contra a democracia. Hai que ser contundentes neste aspecto: A débeda é un método terrorista financeiro. As economías modernas organízanse a partir da débeda, sen teren en conta o que isto supón, un xeito de escravitude. Teño contado en máis dunha ocasión que xa estou nun punto no que até aconsello ler a Biblia: Alí di ben claro: “Todos volverán ser donos do que era eu”. É unha sentenza revolucionaria, como aquela de “Omnia sunt comuna”.