O EZLN anuncia novas accións na súa loita "pola democracia, a liberdade e a xustiza"

Nun comunicado feito público coincidindo co remate de 2012, o subcomandante Marcos avanzou que nos vindeiros días o EZLN dará a coñecer unha serie de iniciativas "civís e pacíficas" que a organización porá a andar de maneira conxunta con outros pobos orixinarios de México e con aquel@s, din, que "resisten e loitan abaixo e á esquerda".
EZLN na marcha do 21D
photo_camera EZLN na marcha do 21D

Após a mobilización que tivo lugar o pasado 21 de decempbro en Chiapas e que congregou a máis de 50.000 persoas, o EZLN asegura nun comunicado feito público a pasada segunda feira que ao longo dos vindeiros días darán a coñecer novas actividades e iniciativas que impulsarán de maneira conxunta con "outros pobos orixinarios do mundo".

Coa sinatura do subcomandante Marcos, o documento analiza a realidade política mexicana após os resultados dos comicios presidenciais decorridos en xullo de 2012. Segundo o líder do EZLN a vitoria de Peña Nieto constitúe "un golpe de Estado mediático que encumbrou no poder executivo federal a ignorancia mal disimulada e peor maquillada" polo que quixeron facerse ver de novo "para facerlles saber", di o comunicado, "que se eles nunca se foron, nós tampouco".

Subcomandante Marcos: "A nosa mensaxe non é de resignación, non é de guerra. A nosa mensaxe é de loita e resistencia"

Na misiva, o EZLN asegura que a súa mensaxe "é de loita e resistencia" e non "de guerra, de morte e destrución" como reflectiu a marcha pacífica e silenciosa desenvolvida o pasado mes de decembro; e empraza ao novo goberno mexicano e ao seu presidente a cumpriren os Acordos de San Andrés (1996) sobre os dereitos e cultura indíxena até elevalos ao rango constitucional. Neste senso, anuncian que durante os vindeiros días farán públicas novas accións cívicas de carácter pacífico "para seguir camiñando xunto aos outros pobos orixinarios de México e de todo o continente", asevera o texto asinado polo subcomandante.

No documento, o EZLN critica con dureza a "clase política mexicana", incluída a formación liderada por López Obrador, aos que acusa de "medrar a expensas das necesidades e as esperanzas da xente humilde e sinxela".

Comentarios