''Non son persoas humanas. Son parásitos do decente'': así fala d@s sen teito o avogado de cinco neonazis

O letrado dos cinco acusados de deixar en coma unha persoa que vive na rúa após propinarlle unha malleira brutal nun fotomatón en Madrid recoñeceu durante o xuízo que "tengo nostalgia de tiempos pasados" e que "añoro la ley de vagos y maleantes"


"Esto non son persoas humanas. Non traballaron na súa vida". Así se referiu na Audiencia de Madrid ás persoas sen teito o avogado Ángel Pelluz, encargado da defensa de cinco neonazis que deixaron en coma unha persoa que vive na rúa após unha brutal malleira que lle propinaron nun fotomatón dunha céntrica rúa de Madrid en agosto de 2009.

Nun escrito que recolle a axencia de noticias Europa Press, ateigado de expresións e opinións propias do feixismo, Pelluz recoñece botar en falta "a lei de vagos e maleantes" e ter "nostalxia de tempos pasados", manifestando o seu apoio por aqueles colectivos que di están a xurdir na cidade española "que tenden a prohibir a mendicidade, praga das nosas cidades".

Continúa o documento da defensa dos neonazis sinalando que "a vagancia non está recollida Carta Magna. A ocupación de terreo público por quen non se procura unha existencia digna é causa de rexeitamento. A vagancia, o non querer facer nada, o se constituír en parásitos do decente, leva á repulsión". Acrecenta Pelluz no texto que "a acusación de intolerancia é unha falta de respecto á decencia".

Non conforme co manifestado dentro da Audiencia madrileña, ao lle preguntar a imprensa polo contido do seu escrito recalcou que "eu vin veciños apartando cartóns e a estas persoas, con chinches e piollos, para poder entrar na súa casa. Esto non son persoas humanas. Non traballaron na súa vida. Son cancros da sociedade. Eu, se teño un cancro, o médico non me pon panos quentes: extírpamo. Pois isto é igual".

Comentarios