Israel contra a infancia palestina: máis de 25.000 crianzas detidas

O recente operativo do exército de Israel para deter, baixo acusación de "terrorismo", a 30 crianzas cando estas ían cara o colexio alarmou mesmo a unha parte da sociedade israelí. ONGs denuncian torturas e mesmo abusos sexuais a menores palestinos presos en cadeas de Israel

palestina

Un grupo de colexiais diríxese , nas proximidades de Herbón, ao colexio. Varios jeeps do exército israelí cortan a andaina dos estudantes e comezan a deter a varios deles no que todo semella unha operación ao chou. Malia protesta dos familiares das crianzas, os soldados seguen ao seu. Collen nenos e lévanos (a rastro) até os vehículos militares. Desde o goberno de Israel xustifican o operativo, detención de nen@s entre 10 e 13 anos, na loita contra “o terrorismo”. Na prensa de Israel dan un dato máis: “Guindaron pedras contra o exército israelí”.

Cada ano, por volta de 700 menores son detid@s e interrogad@s polo exército de Israel

As imaxes desa operación, captadas por un voluntario dunha organización de defensa dos dereitos humanos, amosan, denuncian colectivos palestinos e israelís, que Israel “non ten freo. É perigoso”. O número de menores de idade presos en cárceres de Israel ronda o milleiro.

E segundo a Asociación de Axuda a Prisioneiros Palestinos Al-Asi, desde 1967, máis de 25.000 nen@s teñen sido detid@s por Israel. O xornal L'Humanité, pola súa banda, cifraba nunha reportaxe de investigación en por volta de 700 menores palestinos os que “son detidos,interrogados, perseguidos polo sistema militar israelí” cada ano.

Torturas e abusos sexuais a menores palestin@s en cadeas israelís

A mediados do ano pasado, Gerard Horton, da Defensa de Nenos e Nenas Internacional (DNI), alertaba da “grave situación” dos menores que se atopan presos nas cadeas de Israel.

Horton afirmou que hai casos de tortura e abusos sexuais a menores palestin@s en cadeas de Israel. Unha acusación que ten sido apoiada por outros colectivos humanitarios mais que non tiveron repercusión internacional algunha. Menos aínda, unha investigación polas autoridades de Israel.

O responsábel desta ONG afirma que é habitual que o exército entre en vivendas para se levar detidos a nenos e nenas baixo a acusación de que guindaron pedras. Unha vez en prisión “obríganlles a asinar follas e follas de confesión sen que entendan o seu contido”.

"Hai 5 mil palestin@s pres@s carentes de dereitos tan elementais como auga, alimentos ou atención médica"

Aliás, desde Al-Asir falan de que en prisións como Hasharon, mesmo hai problemas de alimentación para os presos menores de idade.

“Hai máis de 5 mil palestinos vivindo en condicións infrahumanas nas prisións do réxime israelí, carentes de dereitos tan elementais como auga, alimentos, atención médica, educación, visitas regulares, defensa xurídica, ...”

Israel figura entre os 191 asinantes da Convención de Dereitos da Infancia. Mais xa en xaneiro de 2010, o Comité para os dereitos d@s nen@s da ONU acusaba a Israel de violar o contido desa convención.

Máis de 200 palestinos mortos en cadeas de Israel

Desde o Ministerio de Pres@s indican que un total de 203 pres@s palestin@s morreron en cárceres de Israel. 71 deles por torturas, 54 por falla de atenciónmédica, 74 por “asasinatos após á súa detención e antes de ser ingresados nas celdas” e outros 7 “asesinados por disparos dentro das celdas de detención”.

Mesmo colectivos israelís como Stop Torture, Rabinos polos Dereits Humanos ou B'Tselem  denuncian este “inferno”.

Comentarios