Inícianse os diálogos entre as FARC e o goberno colombiano

Esta segunda feira comezan na cidade de Oslo (Noruega) os procesos de diálogo entre as FARC e o goberno de Colombia.

Membros das FARC en conferencia de prensa
photo_camera Membros das FARC en conferencia de prensa

Após retrasárense unha semana a respecto da data prevista nun comezo --oito de outubro--, as delegacións das Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) e o goberno liderado por Juan Manuel Santos, iniciaranse esta segunda feira --15 de outubro-- na cidade de Oslo (Noruega). Así informou á emisora de radio colombiana, Blu Radio, Rodrigo Granda, membro da delegación das FARC, quen asemade, adiantou que o vindeiro día 17 a mesa de negociación emitirá un comunicado público que dea conta do decorrer dos diálogos.

Este é a cuarta ocasión en que as FARC e o goberno de Colombia inician un proceso encamiñado cara á fin do conflito armado no país. Desta volta, as negociacións iniciáronse na cidade da Habana (Cuba) en febreiro deste mesmo ano, xuntanzas das cales saiu unha folla de ruta en que se recollen os principais asuntos que deron orixe ao conflito, así como moitas das súas consecuencias. O inicio das conversas teríase adiado, segundo informa a prensa internacional, pola incorporación dunha cidadá holandesa que tomaría parte da delegación das FARC. Tanja Nijmeijer, atoparíase na Habana con membros da guerrilla e sería motivo de malestar entre a delegación gobernamental por non ser de nacionalidade colombiana. Porén, as FARC defenderon en todo momento o seu dereito a elixiren libremente as persoas que participarán do proceso e argüíron que Tanja leva máis dunha década entre as súas filas. 

Unha folla de ruta que resolva o conflito 

Este acordo inicial, en que se plasma a axenda de temas nas sucesivas mesas de diálogo desenvolvidas entre Oslo e A Habana, sentará as delegacións das FARC e do goberno de Juan Manuel Santos fronte a fronte para atoparen unha saída pacífica a medio século de conflito armado. Desde as FARC, Hermes Aguilar, un dos seus principais dirixentes, aseguraba após as primeiras xuntanzas que a guerrilla non aceptaría unha paz a calquera prezo, se esta non pasaba por unha "solución dos problemas sociais e políticos" de Colombia; principalmente pola necesidade de desenvolver unha reforma agraria integral que poña fin a unha das principais problemáticas do país.

Aliás, a folla de ruta aprobada achega --a máis da reforma agraria--, outras cuestións como a reinserción das FARC na sociedade civil a través do recoñecemento dos seus dereitos políticos permitíndolles, xa que logo, o "exercicio da oposición" con garantías democráticas. Tamén así, cuestións como o paramilitarismo ou o narcotráfico ocupan unha parte importante da axenda aprobada.

Comentarios