#ETA, trending topic após as declaracións do ministro de Interior español

Jorge Fernández vincula o aborto con ETA. "Ten algo a ver" mais "non demasiado". As redes sociais ferven desde que trascenderon as verbas do 'popular'. Vídeo no interior

O ministro de Interior español, Jorge Fernández, vincula nunha comparecencia de imprensa a organización vasca co aborto após unha pregunta formulada desde as bancadas da prensa. 

Inquirido a respeito das declaracións do seu compañeiro de filas, Alberto Ruíz Gallardón en relación coa repenalización do aborto que prepara o executivo de Mariano Rajoy, Fernández Díaz insistiu en deixar para o final aquelas cuestións que non tiveses a ver coas detencións. 

"Primeiro falamos do de hoxe" apuntou o ministro "porque o aborto ten pouco a ver con ETA, verdade?" asegurou inicialmente. No entanto, acrecentou, "bon, ten algo a ver, en fin, mais non demasiado". 

A relación que Fernández Díaz estabeleceu entre a organización vasca e o dereito á libre interrupción do embarazo foi partillada axiña polas redes sociais que ferveron perante as aseveracións do 'popular'. Desde media mañá o hastag #ETA sitúase entre os asuntos que son 'tendenza' en Twitter perante as reaccións xeradas na sonada rede social. A maior parte delas facendo brincadeira das declaracións do ministro español. 

Nota de esclarecemento do ministro Jorge Fernández

Após as múltiples reaccións xeradas na imprensa e as redes sociais o Ministerio de Interior emitiu un comunicado en que "aclara" que Fernández Díaz "en ningún momento" quixo estabelecer esa comparación entre as "persoas que deciden abortar" e @s "terroristas etarras" e que, en troca, o que procuraba era adiar até o final da súa comparecencia a súa resposta en relación coa pregunta formulada pola xornalista. 

Comentarios