'España contra Catalunya': a Generalitat organiza un simpósio contra a "represión" española

Até cen historiador@s falarán durante tres días ao redor dos efeitos que as políticas ditadas desde Madrid tiveron sobre o pobo catalán, a súa lingua, a súa cultura e as súas institucións. A focaxe das xornadas non gostou na imprensa española

photo_camera [Diada, 11 de setembro de 2012]


A Generalitat de Catalunya organizou para o vindeiro mes de decembro unhas xornadas en que repasarán a historia do pobo catalán desde 1714, cando as tropas de Felipe V ocuparon Barcelona e o monarca fixo desaparecer as institucións catalás, baixo un título contundente: España contra Catalunya. A focaxe do simpósio incomodou a imprensa española: El País tarda só tres liñas en sinalar que "suscitou críticas de historiadores ao considerar que parte dunha visión sesgada".

Con todo, o director do Centro de Historia Contemporánea, Jaume Sobrequés, subliña que as xornadas foron organizadas "desde un absoluto rigor científico e académico" e explica que ao rematar a Guerra de Secesión de 1714 "xerouse unha unidade política cun só rei que aboliu as institucións de Catalunya, Aragón, Valencia... e é aí onde comeza esa represión. A defensa do noso pobo non pode ser partidista nunca porque nos afecta a todos e a historia non é unha ciencia aséptica: pode partir dun compromiso". 

E continúa: "é unha realidade rigurosa, pois non existe a menor dúbida de que houbo un expolio. Ou é que agora non o hai? Ou a represión derrogando institucións, perseguindo a cultura catalá ou a nosa lingua até hoxe mesmo coa Lei Wert", sinalou en referencia a unha norma impulsada polo Goberno español e que no país catalán foi rexeitada por todas as forzas políticas, agás o PP e Ciutadans, por rachar co modelo educativo vixente, baseado na inmersión lingüística. O simposio afondará na españolización do sistema educativo patrocinada polo ministerio de Educación. 

Concluíu sinalando que as xornadas contarán coa participación de máis dun cento de historiadores, a meirande parte dos Països Cataláns. "Son os que estudaron este tema con máis rigor, e os que convidamos son os mellores. Descualificalos é síntoma dun españolismo recalcitrante".

Así as cousas, as ponencias recollen as cuestións que seguen: 'A apoteose do espólio: século XXI', impartida pola catedrática de Economía pública da Universidade de Barcelona Nuria Bosch; 'España contra o País Valenciano', que pronunciará o catedrático de Historia medieval Antoni Furió; 'A falsificación da historia', do profesor de Política económica da Universidade de Barcelona Francesc Roca; ou a xornada de clausura, que impartirá o catedrático de Ciencia Política da mesma universidade Salvador Cardús e que leva por título 'A humillación como desencadenante da eclosión independentista'.

Comentarios