Rajoy rexeita demitir polo 'caso Bárcenas' ao contrario da tendenza que se dá en Europa

Mariano Rajoy rexeita demitir após facérense públicas as contas en B do Partido Popular. A maioría absoluta da que goza a súa formación nas Cortes españolas mesmo está a ser empregada para eludir comparecencias no Parlamento en que os grupos da oposición exixen unha explicación ao presidente do Goberno español. En troca, desde 2008, numerosos executivos europeos presentaron a súa demisión verbo dos escándalos e dos protestos cidadáns

 

Após o estourido do caso Bárcenas os grupos da oposición exixiron ao presidente do goberno español, Mariano Rajoy, que dese unha explicación. O líder do exectivo --xunto con boa parte da súa equipa de goberno e destacad@s dirixentes populares, incluído o ex-presidente José María Aznar-- percibiran durante dúas décadas sobresoldos pagados con diñeiro procedente da contabilidade B do partido. 

O escándalo, publicado polos diarios españois El País e El Mundo, apuntou directamente á médula ósea dun goberno tocado polas consecuencias da crise económica e a súa xestión política. 

Entroncado na maior trama de corrupción política coñecida até o momento --o caso Gürtel-- os papeis difundidos polo ex-tesoureiro do PP, Luís Bárcenas, deixaron ao descuberto os métodos de financiamento empregados polo PP durante anos. Cobros a empresas en concepto de doazóns ilegais que, todo apunta, serían beneficiarias de 'favores políticos'. 

Mariano Rajoy, eludiu as acusacións e o partido fechou filas arredor do seu presidente. Sen explicacións públicas, o líder popular optou por iniciar unha estratexia baseada na calada por resposta e empregar a súa maioría absoluta para parapetar calquera comparecencia nas Cortes españolas, como demandaba a oposición. 

Desde 2008, os escándalos económicos e xudiciais, xunto coas mobilizacións populares contra as políticas neoliberais, levaron a numerosos gobernos europeos a presentaren a súa demisión. Ao contrario do que acontece no Estado español, presidentes e primeiros ministros da Unión Europea fixeron fronte ás crises abertas nos seus Estados e renunciaron ás súas responsabilidades políticas para pór a disposción da cidadanía o futuro dos seus países. 

  • Bélxica (2009) Yves Leterme, primeiro ministro, presenta a súa demisión polo 'caso Fortis'. A Cámara de Casación belga --máxima instancia xudicial no país-- confirma que o executivo exerceu presións gobernamentais sobre o poder xudicial en relación coa venda da maior entidade financeira do país. O primeiro ministro belga recoñeceu após a súa demisión que un membro do seu gabinete estabelecera contactos coa xuíza que debía avalar a compra-venda. Por aquel entón Leterme xa presentara a súa demisión en tres ocasións perante o rei. E non sería a última. Un ano despois, volvería demitir froito dunha crise de goberno aberta por razóns lingüísticas nun país en que conviven falantes de francés e flamenco.
  • Islandia (2009) Geir H. Haarde, primeiro ministro, anuncia a demisión en bloque do seu goberno froito das manifestacións cidadás. A xestión política da crise e o resgate con fondos públicos das principais entidades financeiras privadas levou á poboación islandesa a saír á rúa durante unha semana. Exixían a demisión da equipa de goberno e a convocatoria de eleccións anticipadas. O goberno formado após os comicios convocou senllos referendos para determinar a devolución ou non da débeda adquirida. Banqueiros e políticos foron xulgados por delitos económicos e neglixencia --como no caso de Haarde-- embora o ex-primeiro ministro saíse absolto de todos os cargos. 
  • Rumanía (2012) Emil Boc, primeiro ministro romanés, demite após os protestos cidadáns contra as súas políticas de austeridade. O seu goberno asinara dous acordos de crédito co Fondo Monetario Internacional. A organización económica impuxo as súas condicións levando o país a unha forte crise marcada por masivas manifestacións nas rúas. 
  • Holanda (2012) Mark Rutte, o primeiro ministro e o seu gabinete demiten após non chegaren a un acordo coa segunda forza política en relación co obxectivo de défice exixido pola UE (3%). 
  • Luxemburgo (2013) Jean-Claude Juncker, o líder do executivo e actual presidente do Parlamento europeo, presentou a súa demisión após perder o apoio da maioría de forzas que compoñen a Cámara do país. Junker atopábase inmerso nun escándalo de espionaxe. Jean-Claude Junker era considerado un dos líderes europeos máis estábeis e levaba á fronte do goberno de Luxemburgo desde 1955. A súa saída do goberno debeuse a unhas irregularidades toleradas nos servizos secretos do país que desenvolveron entre 2004 e 2009 escoitas ilegais e malversación de fondos públicos. Junker era o máximo responsábel da súa supervisión. 

Ministr@s que saen do goberno inmers@s en escándalos

Non só os lideres dos executivos asumen as súas responsabilidades políticas fronte a un escándalo. Divers@s ministr@s europe@s abandonaron os seus cargos logo de se coñeceren irregularidades na súa xestión ou mesmo na súa vida privada. Este é o caso da ministra de Educación alemá, Anette Schavan, que abandonou a súa carteira logo de lle ser retirado o título de doutora por plaxio na súa tese. Schavan que negou as acusacións e mesmo presentou un recurso perante os tribunais, demitiu "para non prexudicar a institución" pola simple sospeita dunha suposta copia. 

Tamén así, o ministro de Orzamentos francés, Jérôme Cahuzac, demitiu este mesmo ano logo de ser investigado pola posesión dunha conta en Suíza de cuxos fondos evadía impostos. Cahuzac foi acusado de blanqueo de capitais e cobro de fondos ilegais. 

Comentarios