'ABC' ilustra o "fascismo puro e ma-duro" de Venezuela cunha imaxe da represión en Exipto

O xornal conservador español atribúe ao chavismo "un ronsel lamentábel de morte e destrución" que ilustra coa imaxe máis coñecida da violencia do exército exipcio: varios militares arrastran polo chan unha muller seminúa. A denuncia pública da manipulación obrigou a retirar a noticia


'Fascismo puro e ma-duro' ilustrado cunha imaxe da represión en Exipto. Así informa o diario conservador, católico e monárquico español ABC sobre a onda de violencia azuzada desde a oposición en Venezuela após as eleccións realizadas este domingo onde o candidato Nicolás Maduro obtivo unha vitoria que o candidato opositor, Henrique Capriles, se nega a recoñecer.

Ludmila Vinogradoff, corresponsal do ABC no país bolivariano e autora do blogue 'El bolinche venezolano', pendurou unha información en que atribuía ao chavismo "un ronsel lamentábel de morte e destrución" que ilustraba cunha das imaxes máis coñecidas da represión exipcia en que un grupo de militares arrastraba unha muller polo chan. Dentro do post aparecen máis fotografías "dos enfrontamentos acontecidos nos últimos catro días". Son todas de Exipto.

Porén, a información bateu deseguida coas redes sociais. A denuncia pública da estratexia descarada de manipulación emprendida polo diario español obrigou á retirada das imaxes e do post

O 'Chávez' mexicano de El País

Non é a primeira vez que un xornal español ten que retirar unha información após manipular noticias referidas a Venezuela e ao que foi o seu presidente, Hugo Chávez.

O caso máis rechamante foi o de El País, obrigado a quitar dos quiosques e mesmo a parar rotativas para que non se imprimisen máis exemplares do número correspondente ao 24 de xaneiro de 2013, que o diario de Prisa abría co titular 'O segredo da enfermidade de Chávez' e a foto dun home intubado que resultou ser un cidadán mexicano. 

Nos últimos días son tamén sonadas as manobras do grupo Prisa para non falar dos oito asasinatos que se levan rexistrado en Venezuela após a onda de violencia avivada por unha oposición que non acepta a derrota.

El País dá a entender sempre que aqueles se produciron en "enfrontamentos" entre seguidor@s e detractor@s do presidente electo, Maduro, namentres a Cadena Ser sinalou como "incidencias sen maior importancia" o incendio de sedes do PSUV.

Comentarios