Unha viaxe pola Galiza dos Ordoñes (Roteiro 1)

Lapida fundacional do mosteiro de San Pedro de Rocas, promovido no século VI polo rei Miro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lapida fundacional do mosteiro de San Pedro de Rocas, promovido no século VI polo rei Miro. (Foto: Nós Diario)

Os límites xeográficos da Galiza nos tempos dos Ordoñes eran moi diferentes aos da actualidade. Neste sentido, o profesor Francisco Rodríguez ten sinalado que “Galiza aparece como unha realidade xeográfica, social, económica, cultural e política, abranguendo maior ou menor extensión segundo o momento, sendo sempre o espazo central e nuclear a Galiza de Ortegal ao Douro, moi definida, contundente e tan importante como para os musulmáns identificar a parte cristiá da península prioritariamente con esa denominación (Yilliqyia, Galisiya)”. Así as cousas, Galiza era empregada para designar o reino cristián peninsular e España designaba o espazo político de cultura e relixión musulmá.

O Reino da Galiza abranguía un amplo territorio que ía desde o mar Cantábrico no norte até o río Mondego no sur e desde o mar Atlántico no leste até máis alá do río Pisuerga no oeste, incorporando os condados de Castela. Sen ir máis lonxe, un autor contemporáneo, o xeógrafo persa da primeira metade do século X Al-Istajri, fixou as fronteiras do Reino da Galiza nas cidades de Mérida, Guadalaxara, Cáceres e Toledo. Outro autor da mesma centuria, o cronista bagdadí Ibn Hawqal (943-988), situou como principais marcas defensivas dos árabes fronte aos galegos Mérida, Guadalaxara, Cáceres e Toledo, localizando como liña de fronteira cos galegos a area de Sintra, nas proximidades de Lisboa, e as comarcas do sur de León e Zamora.

O principal centro de poder, canda Compostela, do espazo cristián peninsular foi Celanova, epicentro familiar dos Goterres, chegando a sinalar o historiador castelán Alfonso Ceballos-Escalera que “Celanova era o centro da casa da familia real”. Precisamente, un membro desde grupo familiar, que atesourou un gran poder no século X, o bispo de Mondoñedo e arcebispo de Compostela Rosendo Goterres, San Rosendo, promoveu a edificación do mosteiro desa localidade, onde exerceu de abade ao final dos seus días.

A visita ao mosteiro de Celanova é unha referencia necesaria en calquera percorrido pola historia arredor dos Goterres. O edificio comezou a erguerse en 936, consagrándose cinco anos despois; porén, nos séculos finais da Idade Media perdeu relevancia como consecuencia da perda de poder da familia impulsora. Aínda así, o seu golpe decisivo recibiuno en 1505, cando pasou a depender da orde de San Bieito de Valladolid, dentro do programa de centralización imposto polos Reis Católicos.

Unha parada imprescindíbel nesta ruta é o antigo mosteiro de San Pedro de Rocas. Situado a media hora de Celanova, a cuxa xurisdición estivo sometido en diversos momentos da súa historia, fundouse en 573, dentro do programa de apoio ao monacato impulsado polo poder político galego nos tempos onde Martiño de Dume xogaba un papel chave no aparello real. O templo, o máis antigo da Galiza, foi favorecido por diversas doazóns dos monarcas ligados á casa dos Goterres.

O punto final deste percorrido é a catedral de Ourense. A edificación, erguida entre o século XII e XIII, levantouse sobre os restos dun antigo templo da época sueva, hipótese que cobra máis forza atendendo á súa advocación a San Martiño de Tours, cuxo culto foi estendido pola Galiza por Martiño de Dume no século VI. A maiores do seu propio interese artístico, cun predominio do románico galego, no seu interior conta cun museo onde se gardan diversos obxectos propiedade, en tempos, de San Rosendo, entre eles un xogo de xadrez considerado dos máis antigos da península. 

Máis en Información do Reino
Comentarios