Unha viaxe pola Galiza de Fernando II e Afonso VIII (Roteiro 3)

San Martiño Pinario en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera San Martiño Pinario en Compostela (Foto: Nós Diario).

Pola urbe de Compostela podemos realizar un itinerario vinculado cos monarcas da Galiza, comezando polas Casas Reais, ao pé dunha das sete entradas –documentadas no século XII por Aymeric Picaud– que existiron para acceder á cidade medieval, a Porta do Camiño. Por ela entran, dende a Plena Idade Media, as persoas que realizan o Camiño Francés, de aí que tamén sexa coñecida co nome de Porta Francíxena.

Nesta contorna erguéronse edificios vinculados coa Real Audiencia do Reino da Galiza, de aí o nome da devandita rúa. A continuación, dirixímonos á praza da Inmaculada para nos deter cabo de San Martiño Pinario –outrora denominado de Fóra–, onde se instalaron Xoán de Gante e Constanza de Castela en 1386, logo de seren coroados reis do noso país. 

Como terceiro punto do itinerario sería idóneo visitar o pazo arcebispal, construído en tempos de Diego Xelmírez, e contemplar o magnífico salón de cerimonias (ou sinodal) con figuras escultóricas de gran valor artístico. Non podemos esquecer a colección de canzorros con motivos musicais, gastronómicos, decorativos e escenas da vida cotiá. Verbo do que se representa nun dos banquetes esculpidos, hai autores que consideran que se trata dunhas vodas reais, ben as de Afonso VIII da Galiza coa súa muller Berenguela, ben as de Fernando III con Beatriz de Suabia –filla do rei de romanos e neta do emperador de Constantinopla–.

O cuarto lugar de parada localízase na Praza das Praterías. Aí lembraremos aquel ano de 1117 cando Urraca de León, condesa da Galiza, resulta atacada por unha multitude de persoas. Esta revolta compostelá provoca, ademais, a destrución de boa parte do pazo episcopal, cuxas primeiras e importantes reformas se executarán cara a 1180. Nas Praterías observamos a fachada meridional da basílica santiaguesa, incendiada tamén en 1117, en cuxos lenzos identificaranse diversas pezas escultóricas de importante valor que proceden da antiga fachada do Paraíso. Alén de seres mitolóxicos, a representación da muller adúltera, o rei David e outras  pezas labradas irémonos detendo en multitude de representacións esculpidas ben en granito ou en mármore.

Introducidos no interior da basílica, visitamos o altar maior, onde foron coroados varios reis, entre eles o emperador Afonso VII en 1111. Lugar, este mesmo, no que se celebraron exequias fúnebres pola memoria doutros tantos soberanos, como o tamén emperador Carlos V. 

O sexto punto a visitar será o panteón real, no que se explicarán diversos aspectos escultóricos e históricos relacionados coas sartegos existentes. Malia que Afonso VII quixo ser soterrado nun primeiro momento nesta basílica, tal pretensión non se chegaría a cumprir, aínda que si se fixo coa da súa muller Berenguela de Barcelona. O fillo e o neto destes emperadores, referímonos as Fernando II e Afonso VIII, tamén quererían ter un último lugar de repouso nesta catedral, como así se amosa nas súas sepulturas xacentes. A estas tres pezas súmanse as do infante Fernando Alonso (fillo de Afonso VIII),  a raíña Xoana de Castro (muller de Pedro I de Castela) e a de Pedro Froilaz de Traba (aio de Afonso VII). Así e todo, o conde Raimundo de Borgoña tamén gustou de sepultar as súas carnes perecedoiras na contorna da catedral, mais do seu sartego non queda testemuño visíbel.

O último e sétimo punto do itinerario marcarase na parroquia de Conxo, nomeadamente no Castelo da Rocha. Esta fortaleza dos arcebispos de Santiago, construída na primeira metade do S. XIII e que veu abaixo canda a Guerra Irmandiña de 1467, servirá de escenario para resaltar non só a estrutura arquitectónica do monumento senón tamén feitos históricos como a revolta de 1320, na que once persoas son asasinadas no interior do castelo xunto con Alonso Suárez de Deza, un dos nobres máis destacados dese tempo. Os crimes foron perpetrados polo arcebispo Bérenger de Landorre.

Máis en Información do Reino
Comentarios