Unha viaxe á Galiza templaria (Roteiro 2)

O monumento do Carballiño en 1962. (Foto Aurelio) #veracruz #templo #arquitectura #ocarballiño #xeraciónnós #AntonioPalaciosRamilo
photo_camera O monumento do Carballiño en 1962. (Foto Aurelio) #veracruz #templo #arquitectura #ocarballiño #xeraciónnós #AntonioPalaciosRamilo

A Orde do Temple fundouse en Xerusalén arredor do 1119 e 1120, impulsado polo cabaleiro francés Hugo de Payens, co obxectivo de protexer os peregrinos occidentais que chegaban a Terra Santa após a primeira cruzada. Será a primeira iniciativa histórica de creación dunha orde de monxes soldado cuxo aparecemento significará unha profunda reforma no monacato, dado que os relixiosos naquel tempo non tiñan autorizado portar armas.

Porén, o seu salto a Europa non se producirá até o 1127, tardando  dous anos máis en ser recoñecido oficialmente polo papado, tras a celebración do Concilio de Troyes, debido, fundamentalmente, a iniciación na orde de importantes cabaleiros franceses, entre eles os condes de Anjou e de Champagne, e o apoio decisivo de Bernardo de Claraval, o grande impulsor da reforma cisterciense.

Os primeiros contactos dos templarios coa área galega portuguesa son anteriores á propia legalización da orde. Segundo sinala Carlos Pereira Martínez, o máximo especialista do tema entre nos, citando o Cartulario da Orde do Temple, á volta de 1128 a raíña Tareixa de Portugal, a súa parella Fernán Pérez de Traba e outros nobres galegos e portugueses fixeron doazóns á Orde do Temple de diversos bens da súa propiedade situados en Portugal e Galiza, así entre estes últimos atopamos territorios en San Paio de Veiga, na comarca de Celanova, en Amio, Celtigos ou O Salnés, lugares, que tempo despois, continuarán ligados  á orde.

Será precisamente nese mesmo ano, cando Tereixa de Portugal entregue aos templarios toda unha serie de terreos na zona de Leiría e Coimbra, entre elas o castelo de Soure, considerado durante moito tempo a primeira propiedade da orde na península, cuxo dono anteriormente foi o propio Fernán Pérez de Traba.
O asentamento e expansión da Orde do Temple en Galiza está ligada á casa de Traba. Fernán Pérez, fillo do conde Don Pedro, parella da raíña Tareixa de Portugal, persoa do núcleo de confianza de Afonso VII, aio de Fernando II e unha das persoas máis poderosas das terras galegas e portuguesas é a peza chave para a instalación dos templarios no noso país.

As súas relacións coa orde semellan ser anteriores a súa chegada á península, mesmo podendo ter ligado con ela nalgunha das súas viaxes a Xerusalén das cales temos documentado dúas, véndose fortalecidas pola súa relación con Bernardo de Claraval, principal responsábel da influencia e poder do Cister. Ao tempo, o papel de Fernán Pérez de Traba será central para explicar o apoio da coroa portuguesa e galega aos templarios, dada a súa proximidade a Tareixa de Portugal e Afonso VII, educado polo seu pai e que foi cabaleiro de confianza, pero tamén ao seu fillo o rei Fernando II, criado na súa casa e do que sería titor e educador.

Propoñemos como roteiro, un itinerario sobre a presenza da Orde do Temple na contorna de Culleredo. Temos constancia documental de que no lugar do Burgo os pobres cabaleiros de Cristo fundan unha bailía na que desenvolven un importante control territorial e comercial dende finais do século XII até comezos do XIV. Os seus herdos disipábanse polas terras do actual Culleredo e, particularmente, polas freguesías de Santa María do Faro, Santiago do Burgo e San Xiao de Almeiras. Non moi lonxe destas estarían outras tamén vinculadas coa devandita orde militar: Santa María do Temple e Santiago de Sigrás (en Cambre) e Santa María do Castro (en Miño). De feito esta contorna é coñecida co nome das “Mariñas dos Frades”, en alusión talvez aos monxes-cabaleiros da devandita milicia.

O itinerario pódese centrar nos templos parroquiais de Santa María do Faro e Santiago do Burgo xunto coa ponte homónima, localizada non moi lonxe do lugar no que se sitúa o Porto do Burgo e o desaparecido Castelo Templario do Faro. Podemos continuar logo cara a Santa María do Temple (en Cambre) e, alén de visitar a súa igrexa, trasladarnos ao mosteiro de Santa María de Cambre, onde se custodia unha hidria de Xerusalén que, outrora, se conservou na do Temple.

Máis en Información do Reino
Comentarios