Unha viaxe á Galiza de Pedro Madruga (Roteiro 6)

A catedral de Tui (comarca do Baixo Miño) (Foto: Nós Diario).
photo_camera A catedral de Tui (comarca do Baixo Miño) (Foto: Nós Diario).

As décadas finais do século XV foron  testemuña dos derradeiros capítulos da resistencia galega a incorporación subordinada do país á coroa de Castela. Neste contexto, Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido popularmente como Pedro Madruga, simboliza a rebeldía máis sostida e con máis posibilidades de éxito naquel tempo político. Así as cousas, foi cabeza do partido portugués, erguendo alternativa dunha Galiza arredada de Castela, achegada a Portugal e ligada ao espazo atlántico que se veu reiterando no país desde 1230, e que volveu a expresarse neste momento histórico con grande apoio social e posibilidades de éxito no contexto das excepcionais circunstancias abertas no espazo ibérico e no marco da loita sucesoria que seguiu a morte de Henrique IV.

O percorrido pola xeografía vital de Pedro Madruga arranca no castelo de Soutomaior, localizado no concello do mesmo nome. Neste caso, é recomendábel visitar cada unha das estancias interiores do edificio, xa en pé no século XII e que foi propiedade dos antepasados dese cabaleiro, alén de servir de escenario de conflitos bélicos importantes. A maiores dos capítulos políticos asociados a este seu propietario do século XV, con anterioridade foi testemuña das loitas entre o partido galego e o partido castelán durante a revolución galega do século XIV, de diversos episodios vividos durante a II guerra Irmandiña e por suposto dos enfrontamentos entre a diocese de Compostela e Tui. Porén, o espazo aberto ao público na actualidade é resultado de sucesivas obras de mellora, entre elas as executadas a comezos do século XX pola marquesa de Ayerbe, María Vinyals, destacada feminista e militante socialista, na que ten mergullado Ánxela Comesaña entre outras investigadoras.

O castelo de Sobroso en Mondariz é outra parada imprescindíbel neste roteiro. As páxinas máis relevantes da súa historia tiveron lugar no século XV , cando foi escenario das loitas entre as tropas galegas de Soutomaior e as castelás de García de Sarmiento. Após a II guerra Irmandiña, a edificación pasou a mans de Pedro Madruga, que só o perdeu como consecuencia do seu cativerio. Porén, as orixes de Sobroso, erguido sobre un castro, sitúanse no século X, cando serviu de refuxio ao rei galego Vermudo II, sendo referido en 1046 nunha doazón de Fernando I e Sancha I ao bispado de Tui. Así é todo, o feito máis significado deste castelo viviuse en 1117, cando a raíña Urraca foi cercada polos exércitos do seu fillo, o rei galego Afonso VII.

O castelo de Fornelos, situado no concello de Crecente, é outra das edificacións asociadas a Pedro Madruga. O inmóbel, onde o señor de Soutomaior mantivo retido o bispo de Tui e o destacado partidario dos Reis Católicos, Diego de Muros, aparece documentado a mediados do século XII, como lugar de confronto entre Afonso VII e o seu curmán Afonso de Portugal. Neste sentido, a fortaleza vai pasar nos séculos seguintes a mans dos señores de Fornelos, ligados familiarmente á caste dos Castro, o que explica que a titularidade do mesmo corresponda durante a segunda metade do século XIV a Alvar Pérez de Castro, irmán de Fernán, Xoana e Ines de Castro.

O remate desta viaxe atópase en Tui, a vella capital relixiosa do sur da Galiza, tan ligada a Pedro Madruga, que antes de pórse á cabeza da casa de Soutomaior exerceu de cóengo na súa catedral. Neste caso, recoméndase unha visita demorada ao interior da basílica, onde se localizan varias lápidas sepulcrais decoradas cos escudos dos Soutomaior, tanto as existentes no claustro como as da capela funeraria do bispo Xoán Fernández de Soutomaior (1395-1423). Asemade, compre visitar o castro da cidade e subir ate as  murallas para certificarmos o carácter defensivo deste edificio, alén de contemplar o decurso do Miño, a piques de morrer no Atlántico.

A presenza de Pedro Álvarez de Soutomaior, conde de Camiña e vizconde de Tui, está moi viva no sur da Galiza. Tanto é así que en boa parte dos seus concellos se conservan lendas e tradicións asociadas ao personaxe. A este respecto, a xa citada marquesa de Ayerbe, María Vinyals, escribía a volta de 1904, no seu libro sobre o castelo de Soutomaior, como a  lembranza de Pedro Madruga se mantiña entre os descendentes dos seus antigos vasalos, até o punto de “seguir, como fai 200 anos, de pais a netos, referíndose a Madruga como se fora o rei de Galiza”.

Máis en Información do Reino
Comentarios