Un roteiro pola Galiza dos Castro (Roteiro 4)

Castelo de Pambre, en Palas de Rei (Foto: Nós Diario).
photo_camera Castelo de Pambre, en Palas de Rei (Foto: Nós Diario).

A historia peninsular século XIII e XIV non se entende sen os Castro. A orixe desta familia sitúase en Fernando García de Hita, un importante cabaleiro a medio camiño entre o século XI e XII, a quen a raíña Urraca non dubidou en denominar como meu curmán. Neste sentido, un boa parte da historiografía sitúa García de Hita como fillo do rei galego García, manifestándose nesa dirección autores como Reilly, Crespo del Pozo, Sánchez-Pagín ou a leonesa Margarita Torres Sevilla, que non dubida en afirmar que “mantemos como proxenitor da liñaxe obxecto do estudo [Os Castro] a Fernando, fillo do rei da Galiza Don García, primo irmán polo tanto, de Dona Urraca”. 

A viaxe pola Galiza dos Castro arranca en Palas de Rei, cuxo topónimo alude a existencia –outrora– dun palacio real, evidentemente ergueito na alta ou plena Idade Media. De seguido, visitamos o castelo de Pambre, que alén de servir de inspiración a unha obra en galego de Antonio López Ferreiro, foi escenario durante o S. XIV de loitas entre os bandos de Pedro I –liderado por Fernán Ruiz de Castro (III)– e Henrique II de Trastámara. Precisamente nas proximidades deste castelo, concretamente no lugar de Porto de Bois enfrontáronse no primeiro trimestre de 1371 o exercito multinacional ao servizo de Henrique II e as tropas galegas mandadas polo terceiro  Fernán Ruiz de Castro, que saíron finalmente derrotadas.

A parada central deste percorrido é Monforte de Lemos, a vella capital da Ribeira Sacra. Neste caso, toca visitar a torre da fortaleza de San Vicenzo do Pino, erguida sobre un castro que manda na cidade e que vén a ser parte do antigo castelo dos Castro. Na propia localidade, consérvanse restos das antigas murallas, onde morreu loitando contra as tropas castelás o segundo Fernando Ruiz de Castro, un dos grandes lideres da revolta galega no século XIII e comezos do século XIV. Monforte mantívose como fogar central dos Castro durante as seguintes centurias, como testemuña o colexio dos Escolapios ou do Cardeal, un edifico de obrigada visita cuxas obras comezou a finais do século XVI o cardeal Rodrigo de Castro, tío de Pedro Fernández de Castro, autor de El buho gallego.

As pegadas dos Castro son visíbeis en toda a terra de Lemos, unha realidade xeográfica chave para entender a Galiza medieval. Concretamente, no concello da Pobra de Brollón atópase á orixe doutra grande muller da Galiza do século XIV, María Castaña, cuxo nome real é Mariña Castiñeira. Nada na parroquia da Cereixa en Brollón, era unha fidalga filla dos propietarias deste Couto, que a volta de 1386 dirixiu unha revolta contra o bispo de Lugo, que rematou coa execución do seu mordomo, Francisco Fernández.

O mosteiro das Bernardas de Ferreira de Pantón agocha outros capítulos esenciais da historia da Galiza. O centro relixioso fundado no século X pola familia dos Goterres pasou a depender no século XII da orde do Císter, atopándose soterrado no recinto o grande líder da revolta irmandiña de 1467 Diego de Lemos. Fidalgo como a totalidade dos lideres das irmandades, formou a trepia dirixente desta con Afonso de Lanzós e Pedro Osorio, rendéndose finalmente a Pedro Madruga e conservando os seus bens e a súa condición. 

A proposta de roteiro remata en Ponferrada, cidade ligada aos Castro, que posuíron a  súa propiedade en 1486, tras ser derrotado Rodrigo de Castro polos Reis Católicos. O castelo de Ponferrada foi outra das propiedades dos templarios que pasaron a poder da familia Castro, significando a perda da referida fortaleza a desvinculación administrativa das terras do Bierzo con respecto a Galiza.    
En Monforte lembraranse non só aqueles nobres que acadaron o señorío desta xeografía, senón igualmente as raíñas ou princesas que, nadas na Galiza, foron membros desta liñaxe: Xoana Fernández de Castro, casada co infante Xoán de Valencia (fillo do rei da Galiza Xoán de Tarifa); Xoana de Castro, cónxuxe de Pedro I de Castela; e Inés de Castro, muller de Pedro I de Portugal.

Máis en Información do Reino
Comentarios