Unha rota pola Galiza de Fernando "O Fermoso" e Xoán de Gante (Roteiro 5)

Fachada oeste da Igrexa Colexiata de Santa María do Campo, na Cidade Vella da Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fachada oeste da Igrexa Colexiata de Santa María do Campo, na Cidade Vella da Coruña. (Foto: Nós Diario)

A dialéctica política dos reinos ibéricos nas tres últimas décadas do século XIV non se explica sen a figura de Xoán Fernández de Andeiro. Neste sentido, Francisco Rodríguez sinala que el foi o substituto de Fernando de Castro para articular as relacións anglo-portuguesas, e, máis tarde, un diplomático ao servizo de Portugal. Nesa dirección, indica que “chegou a ocupar unha función moi relevante na dirección política do reino, na liña tradicional de animadversión ao trastamarismo, se ben en circunstancias cada vez máis angustiosas”. 

As primeiras referencias a Andeiro  proceden da Chronica do Senhor Rei D. Fernando, cando se informa sobre a entrega da Coruña a Fernando “O Fermoso” por este fidalgo, con importantes intereses comerciais. Porén, as súas orixes sitúanse na parroquia de Andeiro, en Cambre, onde aínda se conserva a denominada torre de Andeiro, os restos dunha antiga fortaleza, cuxa primeira referencia se atopa no Preito Tabares Fonseca. Malia ignorarmos o momento concreto no que se ergue, a mesma mantívose ligada á liñaxe de Andeiro até o século XX.

A segunda parada nesta rota coruñesa obriga a visitar o salón plenos da casa do Concello da Coruña. Neste espazo, concretamente nas tallas do cadeirado aparece representada a oposición da Coruña aos Trastámara, significada na entrega das chaves da cidade por parte de Andeiro a Fernando “O Fermoso”. Precisamente, esta cidade rexida por Andeiro mantívose rebelde a Castela até 1372, cando unha parte dos castristas coruñeses encabezados polo propio Andeiro víronse obrigados a exiliarse a Portugal. 

Un espazo imprescindíbel nesta Coruña de Andeiro é a colexiata de Santa María. O templo do século XII e situado no corazón do casco antigo da cidade foi o lugar escollido para o enterramento de Andeiro, após o seu asasinato a mans do futuro Xoán I de Portugal en Lisboa a comezos de decembro de 1383. A este respecto, o seu descendente Evaristo Martelo Paumán, poeta en galego, marqués de Almeiras e vizconde de Andeiro, sinalou, seguindo a documentación atesourada no arquivo familiar, que tras o seu falecemento foi trasladado a Galiza pola súa propia familia, soterrándoo neste templo.  

Andeiro como embaixador portugués en Inglaterra e como peza chave do partido galego xogou un significado papel na busca dunha alternativa para pór á fronte do Reino da Galiza. Nesta liña, avanzou na táctica comezada por Fernán Ruiz de Castro de atopar na casa real británica un monarca para o país, cuxa concreción práctica fíxose efectiva en 1386. Malia que desde 1372 Xoán de Gante, duque de Lancaster, comeza a denominarse rei da Galiza e León, as dificultades que padeceu a monarquía inglesa derivadas da propia súa conflitividade interna rematou por adiar o operativo inglés 
até 1386.

O 25 de xullo de 1386 desembarcou na Coruña Xoán de Gante á fronte dun exercito de 7.000 mil soldados. Non era a primeira ocasión na que tentaba poñer dirección a Galiza, de feito unha anterior frustrouse cando tivo que se desviar en Pothiou cara a cidade de Thouars urxido polas necesidades militares en Franza, contando nesta ocasión co apoio do seu futuro xenro, o monarca portugués Xoán I, sendo Santiago de Compostela a primeira localidade galega que o recoñeceu como rei malia a oposición do arcebispo Xoán García Manrique.

A torre de Hércules e o barrio da Torre que acolleu as tropas de Xoán de Gante representan o punto final a este roteiro. Precisamente este espazo é a expresión da conexión da Galiza cos pobos atlánticos desde a antigüidade.  

Máis en Información do Reino
Comentarios