A Galiza ignorada

Prisciliano, mártir na Galiza

Retrato de Prisciliano.
photo_camera Retrato de Prisciliano.

O século IV é o do primeiro espertar cultural de Galiza que, acompañado dun forecemento comercial, afortala as relacións con outros territorios do imperio romano. A Gallaecia que se estendía ao norte do Douro aínda mantén o nome no seu principal espazo.

O imperio romano busca reforzarse aliándose coa igrexa católica. En 380 o emperador Teodosio declara o cristianismo relixión única e ofcial. Igrexa e imperio ampáranse entre si para mellor defender os seus intereses ideolóxicos e políticos. Unha relación que, con diferentes formas, chegará aos nosos días.

Porén, existen disidencias no propio cristianismo que rompen coa ortodoxia e se opoñen á alianza igrexa-estado. Nesta oposición a Gallaecia terá un papel protagonista desde o primeiro intre a través dunha fgura clave para a cristianización de Galiza: Prisciliano.

Membro da nobreza galaico-romana, atrae ao cristianismo as clases populares, nomeadamente poboación rural, conxugando a práctica do ascetismo, a relixiosidade e cultos preexistentes, coa igualdade de homes e mulleres que viven en comunidade nun xerme de monacato. Práctica e mensaxe cuestionan a xerarquización da igrexa e o seu poder. Desde a Gallaecia o priscilianismo avanza cara á Lusitania, a Bética e as Galias.

Prisciliano axiña atopa oposición na xerarquía católica. En 380 os Bispos Hidacio de Mérida e Itacio de Ossobona (Lusitania) conseguen o desterro da Gallaecia dos bispos priscilianistas e sucédense procesos por herexía en Zaragoza e Burdeos. En 385, xa nomeado Prisciliano Bispo de Ávila, acode a Roma mais o Papa négase a recibilo e diríxese a Milán e a Tréveris na busca do emperador. Alí, acusado de herexía e bruxaría será executado polo emperador usurpador Máximo, que busca congratularse coa igrexa.

A execución de Prisciliano é a primeira que realiza o poder civil por herexía coa conivencia católica, mais non detén a expansión do priscilianismo. É traído como mártir a Galiza polos seus seguidores. Existe a sospeita (con máis fundamento que a milagreira versión ofcial), de seren os seus restos os soterrados na Catedral de Santiago.

Malia a represión, Galiza será priscilianista uns séculos máis. No ano 400 case todos os bispos galegos son priscilianistas, e no asentamento do reino Suevo no 410 non atoparán oposición. Da importancia do priscilianismo aínda dá testemuño no século VI o enviado de Roma para combatelo, Martiño de Dume.

Máis en Información do Reino
Comentarios