Pedro Bolaño, o xenro rebelde de Pardo de Cela

Resulta case imposible vivir, ou coexistir, no mundo do mariscal Pardo de Cela sen que a súa sombra te envolva ata case diluírte. Moitos dos que conviviron co mariscal acabaron reducidos, pola magnitude desta fgura tráxica, a unha ínfma sombra do que realmente signifcaron na historia de Galicia. Unha destas fguras foi o nobre Pedro Fernández de Bolaño e Balboa, que pasou á historia co nome de Pedro de Bolaño.
Mapa de Mela, elaborado a comezos do século XV, onde Galiza segue aparecendo como unha realidade política diferenciada de Castela. (Foto: Cedida)
photo_camera Mapa de Mela, elaborado a comezos do século XV, onde Galiza segue aparecendo como unha realidade política diferenciada de Castela. (Foto: Cedida)

A vinculación entre ambas as figuras xorde cando Bolaño casa con Beatriz de Castro, filla de Pardo de Cela. Dende aquela ambos cabalgaron xuntos pola historia, de tal xeito que a traxedia do mariscal abraza á figura de Bolaño. Historiadores do XIX, de igual maneira que algún de principios do XX, afirmaron que ambos morreran executados naquela praza de Mondoñedo no ano 1483, convertendo a Bolaño nun deses tres grandes Pedros de Galicia.

Quen era Pedro de Bolaño?

Era fillo de Fernán Díaz de Ribadeneira, o vello, e de Maior de Baamonde. O apelido Bolaño era un dos de maior antigüidade e prestixio de Galicia, tanto, que en 1550 o Licenciado Molina, na súa Descrición del Reino de Galicia dirá: “Hai outros antigos, que son Aguiares, que xa de moi lonxe se perden nos anos. Con estes abrázanse os vellos Bolaños”.

Seu pai, tal e como figura no seu testamento, redactado en 1461, posuía territorios nos actuais concellos de Becerreá, Baralla, Castroverde, O Corgo, Baleira, Láncara, Monterroso, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro. Todos eles gobernados dende a súa fortaleza de Torés, no concello das Nogais. Vasco de Aponte atribuíalle ao citado Fernán Díaz de Ribadeneira unha capacidade de convocar nas súas filas un total de 50 lanzas e 1.500 vasalos.

Pedro Bolaño recibe como herdanza paterna o castelo de Torés, con todas as posesións que isto significaba, ademais dos cotos de Cela, Cedrón, Ribadeneira, terras de Balboa e Cancelada e Baleira. Librán, parroquia do concello de Baleira, aparecía nun documento do 23 de febreiro de 1466 baixo o poder de Bolaño: “Estando enna felegresia de Santa Marinna de Libran, que é eno vale da Valeyra, termino e senorio de Pedro Fernandes de Bolano, fillo de Fernan Dias de Riba deneira”.

Por parte de súa nai, Maior de Baamonde, señora da casa de Guitiriz e Baamonde, recibe, entre outras propiedades, a Sucesión de Burela. Trátase dun conxunto de propiedades situadas na Mariña de Lugo que, a pesares de estar divididas, se aforaban todas xuntas. O cronista Vasco de Aponte cifraba o potencial bélico de Pedro de Bolaño nun total de 30 homes a cabalo e 700 peóns.

Anteriormente vimos como Bolaño emparentaba co Mariscal a través da voda con Beatriz de Castro. Este matrimonio de Bolaño con dona Beatriz creará controversia entre os historiadores; pois mentres que para uns esta unión engrandecía a figura de Pedro Bolaño, para outros será o mariscal o gran beneficiado.

Aponte afirmaba que tras a voda, Pardo de Cela consegue múltiples alianzas: “Sacouse toda a casa de Ribadeneira, que coa casa de Ron melloraba moito e competía con don Diego de Andrade”. Independentemente de como fose, o innegable é que esta unión condicionou a futura actuación e posicionamento político de Pedro de Bolaño, aliado incondicional de seu sogro, e por ende do conde de Lemos, dous dos tres grandes inimigos da nova monarquía.

Esta actitude de inquebrantable fidelidade, que abundantes problemas lle traerá, verase ratificada o 18 de febreiro de 1482, momento no que a figura de Pardo de Cela xa perdera o fulgor e a importancia que noutro tempo tivera. Mais é nese momento, cando, buscando un reforzamento de alianzas, Pedro Bolaño casa a súa filla Leonor con Alonso Vázquez de Cabarcos, señor dos cotos de Cabarcos e de Canedo. O mesmo que, no ano 1473, se intitulaba como “merino enna dita cidade de Vilamayor por meu señor Pero Pardo et seu lugartenente”.

Bolaño asegurábase a lealdade do seu novo xenro, en caso de que o amor non servise, coa dote que recibía a noiva. Entre as abundantes propiedades figuraba a desexada Sucesión de Burela, que naquel intre posuía Bolaño: “Todos los bienes rayzes e heredades (…), en la parte dellos que vos mas quisierdes que yo he e me pertenesçen aver desde la Puente de la Espinera e Mariñas de Bibero fasta la billa de Bibero”. Bolaño conseguiu o que buscaba e a lealdade de Alonso Vázquez de Cabarcos mantívose intacta, tanto a el como ao mariscal, incluso naqueles momentos en que outros nobres e pequenos fidalgos, moitos deles mariñáns, escollían o bando que tiña todas as de gañar.

Non resulta estraño atopar en preitos de fidalguía declaracións nas que entre os méritos alegados polos demandantes figurase o ter participado no cerco da Frouxeira, ben eles ou seus pais. Entre os méritos alegados por Afonso Arias de Viladaide (concello de San Cosme de Barreiros) podemos ler: “Que al tiempo estaba Pedro Pardo en la fortaleza de Froxeyra Alonso Arias, quien contendia, fuera con ellos i sirviera en el çerco ciertas temporadas fasta que acavara dicho çerco”.

Tamén nos informan de que no cerco do castelo de Vilaxoán, onde se refuxiara a filla do Mariscal, participara o pai do demandante: “en el tiempo donde Alonso Lopez de Haro, que a la sazon era gobernador de dicho Regno, llamara a estas gentes para el combate de VillaJuan que el dicho Alonso Arias, el viejo, padre del dicho Alonso Arias, fuera a servir al dicho combate con otros vecinos de la dicha feligresia de Sant Cosme” (Barreiros, 5 de xuño de 1488). Outros fidalgos que primeiro loitaron no cerco da Frouxeira e despois noutros combates son os irmáns Lope e Fernando de Recaré: “Este testigo vio a Lope Recare i Fernando de Recare como fueron a servir como fijosdalgo a la pena Froseyra e despues a Malaga”. (Xoán de Recaré, concello de Alfoz, 1513).

Persecución

Os colaboradores do mariscal tamén sufriron persecución xudicial. Así, vemos como o 30 de outubro de 1482 García de la Parra, alcalde maior do bispado de Mondoñedo, por orde de don Fernando de Acuña, dictaba sentenza xudicial pola cal Bolaño era obrigado a “desenbargue et desocupe la dicha Suçesion de Burela con todos los benefiçios, padronalgos de las casas, vinas et herdades, molinos et mlineras”.

Recibira un prazo de 15 días para levar a cabo esta tarefa. Bolaño, en vez de tomar as armas contra o alcalde mindoniense, prefire a loita nos tribunais. O 2 de novembro de 1484, a Real Chancelería de Valladolid ratifica a sentenza dada por García de la Parra ordenándolle a devolución inmediata da citada Sucesión. O Cabido mindoniense tivo que conformarse con poder ocupar varias propiedades da Sucesión, quedando a parte máis importante, a casa Torre e o porto de Burela, en mans da familia dos Bolaño ben entrado o século XVIII. No ano 1483, mentres as tropas de Mudarra cercaban o mariscal, os novos monarcas ordenaban a Bolaño comparecer ante eles na cidade de Astorga. Unha vez na cidade foi obrigado, por orde real, a permanecer nela, prohibíndoselle retornar a Galicia ou ir a Vilafranca. Prohibición que tiña como fin impedir que Bolaño acudise en axuda de seu sogro ou do conde de Lemos.

En 1486 os reis convocaban de novo a Pedro Bolaño, esta vez a citación ía acompañada dunha ameaza nada velada, pois en caso de non acudir corría o risco de “confiscacion de sus bienes e tierras e vasallos e so pena de otras ciertas penas”. Os monarcas amosaban así o seu enfado co noso protagonista, pois cando foi recluído en Astorga, durante tres anos, tamén se lle prohibira abandonar a cidade e, lonxe de acatar a orde recibida, “se partió del lugar donde nos resydiamos al presente en nuestra corte e donde le avia sydo mandado estar, e se fue fuera, e sin nuestra licencia e mandado, e siendole mandado que no entrase en el Reyno de Galisia ni en el Bierço, especialmente en la villa de Villafranca, en la qual e en otros logares dixo que estovo por tres años”.

Así se laiaban os Reis Católicos ante a xustiza, e esta, que non estaba nada politizada, tal e como acontece hoxe en día, actuou. Así, vemos como a Real Audiencia de Galicia reclamaba para Pedro de Bolaño as maiores e máis severas penas que nunca chegaron a aplicárselle porque soubo moi ben escapar da xustiza agochándose e amparándose en inacabables procesos xudiciais. Pedro Bolaño non entrou na lenda porque a súa morte non tivo os tintes dramáticos da do mariscal, el finou no seu Lugo, acompañado de familiares e amigos e libre, porque, por moito que o intentaron, non conseguiron domalo.

Máis en Información do Reino
Comentarios