A Galiza ignorada

As guerras invisibles de Roma

Novas investigacións arqueolóxicas revelan a complexidade da conquista do Noroeste polo Imperio Romano. Explícao no Sermos Galiza 296 Manuel Gago, xornalista e profesor na USC. Eis un extracto da peza.

RMS_Sermos_lenda

1A conquista romana da Gallaecia segue a ser un tema que apaixona no noso país. Desde o épico episodio da última resistencia ao invasor no Monte Medulio, usado na historiografía galega desde hai séculos, ata as festas históricas actuais, o relato do enfrontamento entre galaicos e romanos tivo sempre tanta aceptación popular como dúbidas espertou entre a comunidade científica. Nos últimos anos, novas metodoloxías e técnicas permiten a localización de escenarios inéditos e revolucionan a visión dun conflito agochado entre as liñas da historia.

Como sucedeu a conquista de Gallaecia? En que medida se tratou dunha anexión violenta ou negociada? Que impacto tivo a invasión na reorganización do territorio e da paisaxe cultural? Comprender isto é o desafío científico do colectivo de investigación romanarmy.eu. Nacemos en 2015 co obxectivo de buscar as trazas arqueolóxicas do exército romano no amplo cuadrante do noroeste peninsular, incluíndo Galicia, o norte de Portugal, Asturias, León e Zamora. Na actualidade formamos o equipo investigadores de diferentes universidades europeas, desde Exeter, Durham, Newcastle, Edimburgo ou Leiden ata Santiago de Compostela, Braga ou Oviedo.

Coñecer os sitios militares romanos significa explorar tamén cal foi a reacción dos galaicos ante a invasión, entender o papel xogado por ese “outro” que no mellor dos casos aparece desdebuxado e grotescamente caricaturizado nas crónicas grecolatinas. A escasa información (cando non silencio) das fontes antigas, xunto coa ausencia de restos materiais da conquista levou a unha idea do proceso como unha integración “branda” e de carácter pacífico. Hoxe comezamos a albiscar unha realidade máis complexa, con varios escenarios, diversos ritmos e diferentes resultados.

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 296, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en Información do Reino
Comentarios