A Galiza ignorada

A Galiza hexemónica na Hispania cristiá

Entre 1116 e 1117 os burgueses composteláns enfrontan os señores.
Reimundo de Borgoña. Panteón Real da Catedral de Santiago. (Foto: Museo da Catedral)
photo_camera Reimundo de Borgoña. Panteón Real da Catedral de Santiago. (Foto: Museo da Catedral)

Na derradeira década do século XI Galiza inicia un período de hexemonía política dentro do espazo dos reinos cristiáns da Península que se estende até o primeiro cuarto do XIII. Fixamos esta data en 1092, coa chegada de Raimundo de Borgoña, conde de Galiza grazas ao seu casamento con Urraca, flla de Afonso VI, rei de Castela, León e Galiza e que ten xa en Compostela o seu home de confanza, Xelmírez.

A morte de Raimundo (1107) abre un forte debate, con enfrontamentos ou alianzas entre eles, entre a nobreza partidaria de participar como forza dominante nos asuntos políticos dos reinos cristiáns (e desde un reino propio para o que xa teñen rei: Afonso Raimúndez, fllo de Raimundo de Borgoña) e os defensores dos dereitos de Urraca, en especial leoneses e aragoneses.

Entre un e outros, o alto clero, con Xelmírez á fronte, que busca quen mellor respecte os seus intereses. En 1111, o entendemento entre Traba e Xelmírez propicia a coroación de Afonso como rei da Galiza, coa conseguinte guerra que involucra todos e á que se unen novos participantes. Entre 1116 e 1117 os burgueses composteláns enfrontan os señores, principalmente Xelmírez, que non só sairá vencedor senón que reafrmará o seu poder ao conseguir elevar Santiago á categoría arcebispal e el mesmo ser o primeiro arcebispo.

Esta vontade centralizadora de Compostela contribúe a que a nobreza portuguesa, interesada en se dotar de espazo propio, proclame Portugal independente, freando a posibilidade de Galiza se expandir militarmente cara ao Sul. Agora a nobreza galega debe procurar o seu papel preponderante noutros ámbitos.

Cando, morta Urraca en 1126, Afonso pasa tamén a rei de León e Castela a ocasión está servida e a infuencia galega na corte dos seus sucesores Fernando II e Afonso VIII é evidente, como proba o feito de estes monarcas estaren enterrados en Compostela, na Catedral, o centro vital da Coroa.

A partir de aquí os intereses dos monarcas, sen deixar de ter Galiza como referencia, sitúan Castela e a expansión cara ao sul como obxectivo e Galiza vai perdendo peso político, se ben mantén intacto o seu predominio cultural expresado sobre todo a través da literatura.

Máis en Información do Reino
Comentarios