O derradeiro rei da Gallaecia

O reino que recebeu García abranxía non só a Galiza actual, senón tamén o condado portucalense e, mais ao sul, a longa proxección do reino até a liña do Mondego.
O rei García, en xilografía de Luís Seoane.
photo_camera O rei García, en xilografía de Luís Seoane.

Cando, no Nadal do ano 1075, o rei Fernando I de León faleceu, cumpríronse as previsións sucesorias estabelecidas na curia xeral que, presidida polo propio monarca, se celebrara en León dous anos antes. Segundo elas, o goberno do reino dividiuse entre os tres fillos varóns do soberano, comezando a rexer Sancho o territorio de Castela, Afonso o de León e García o de Galiza.

O reino que recebeu García abranxía non só a Galiza actual, senón tamén o condado portucalense e, mais ao sul, a longa proxección do reino até a liña do Mondego, atinxida após a definitiva conquista de Coímbra en 1064. A Galiza de don García hase considerar aínda herdeira da Gallaecia antiga; era, con efecto, unha Galiza na que o río Miño non adquirira aínda o seu carácter fronteirizo e que tiña no Douro o vello límite meridional. Nese espazo, que cubría a faixa occidental do reino cristao de Hispania, desenvolveu as súas funcións políticas, entre 1065 e 1071, don García de Galicia.

O seu breve reinado findou subitáneamente coa ofensiva militar de Sancho de Castela e os conseguintes destronamento e banimento do rei galego. A morte do rei castelao no cerco de Zamora, ao ano seguinte, abriu a posibilidade de que o banido recuperase o trono perdido, mais foi daquela a traición do seu outro irmao, Afonso, a que non só impediu se cumpriren as expectativas do monarca, senón que converteu o menor dos fillos de Fernando I en prisioneiro da torre de Luna até o día da súa morte no ano 1090.

Este duplo fracaso de García perante os seus dous irmaos fixo que, polo menos desde o século XIII, os historiógrafos, con pendor a louvaren os vencedores e seren severos co perdedor, compuxeran unha imaxe negativa do monarca da Gallaecia que persistiu até tempos moi recentes. Porén, nada, nas fontes coetáneas ou máis achegadas ao seu reinado, permite confirmar os escuros trazos cos que os historiadores transmitiron despois a súa figura. Ao invés, a análise dos documentos procedentes da súa chancelaría e dos relatos cronísticos máis achegados aos feitos preséntannos un monarca capaz de pular un proxecto político coherente.

En tempo de paz iniciou o rei Garcia o seu goberno na Gallaecia e, nese marco, o novo monarca procuraba e conseguía os seus apoios. Un sector da nobreza portucalense, algúns de cuxos nomes —Garcia Moniz, Munio Viegas, Afonso Ramirez— nos son ben coñecidos, estivo disposto a se integrar no exercicio do poder ao abeiro lexitimador que emanaba do xove rei. Os pactos co monarca, selados coa entrega de bens e funcións nunha ou outra dirección, permiten o acceso ao exercicio do poder político e este, aliás, xera a obtención de novos beneficios.

Os diplomas de García mostran xa con clareza o sentido dos acordos na urdume política da sociedade feudal. Ao pé da aristocracia laica, os cregos constituíron o outro apoio firme da acción de goberno. Vistruario de Lugo, Cresconio de Iria Compostela, Jorge de Tui ou o abade Tanoi de Santo Antoíño de Toques son, neste sentido, os nomes máis sobranceiros.

A outra Galiza que puido ser

É certo que non todos, cregos e laicos, estiveron dispostos a colaborar na tarefa de goberno, ainda que non é menos verdade que o rei provocou os apoios precisos para se enfrentar e vencer os opositores: o máis sinalado deles, o conde Nuño Menéndez de Porto, foi derrotado e morto na batalla de Pedroso, á beira do río Cávado. A guerra e os pactos, o acordo e os conflitos, conformaron a rede de relacións que termaron, como era norma daquela, do poder do rei de Gallaecia. García fixo gravitar o peso do seu proxecto político sobre o espazo de entre Douro e Miño.

Dan proba diso non só a relación intensa coa aristocracia portucalense e a propia vitoria de Pedroso, senón tamén, e de maneira ainda máis clara, o restauro da sé de Braga. É este un feito de trascendencia innegábel que anoa e reforza elos coa herdanza histórica de Gallaecia. Oriéntase, porén, tamén para o futuro; procura a consolidación do reino, situando o seu centro político no espazo capaz de equilibrar os territorios norteños de dominación antiga coas rexións recentemente gañadas no sul ao dominio andalusí.

O centro de gravidade do reino de García era o mesmo que o do reino dos suevos. En 1157, cando a morte de Afonso VII, tivo lugar un novo reparto do reino de Hispania: os fillos do monarca, Fernando e Sancho, acesaron respectivamente ao trono de León, que incluía o goberno da Galiza, e ao trono de Castela. O territorio de Portugal non foi afectado por esta segunda división porque, con Afonso Enríquez á frente, se gobernaba de modo independente xa en vida do Imperador. É, logo, a posición da Galiza o que muda substancialmente entre os repartos de 1065 e 1157.

Non é o momento de explicar por que, nas primeiras décadas do século XII, o curso inferior do Miño mudou nunha fronteira entre reinos. Mais, se o proxecto político do rei García non fose interrompido pola guerra de Sancho e a traición de Afonso, se callar as cousas terían sido diferentes.

Máis en Información do Reino
Comentarios