Yolanda Díaz aposta por que AGE concorra ás eleccións municipais

A deputada di apostar pola concorrencia conxunta nas vindeiras eleccións municipais após os resultados obtidos nos comicios do 21-O.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida e vice-voceira parlamentar de AGE asegura nunha entrevista concedida á Radio Galega que a formación que lidera xunto co líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, "veu para quedar" e aposta por unha concorrencia conxunta nas vindeiras eleccións municipais.

Segundo a deputada, entre ambas as dúas formacións políticas existe "unha sintonía ideolóxica" amais de persoal polo que asegura, "a min gustaríame que isto tirase para adiante". Porén, acrecenta que non se trata dun interese particular de Esquerda Unida senón que perante "unha situación de tanta gravidade" apostan pola convivencia con "todas as voces da esquerda crítica", subliñou.

A súa irrupción no Parlamento após os comicios do 21-O, asegurou Yolanda Díaz, "serviu para axitar conciencias" e para mellorar os resultados da "esquerda" pois entende que "se non tivera aparecido AGE os resultados terían sido peores". Preguntada polas diferenzas ideolóxicas existentes entre ambas as dúas formacións, a coordinadora nacional de Esquerda Unida asegurou que en tempos de crise "pódese e débese conciliar soberanismo e federalismo" ao tempo que asegurou non existiren tantas diferenzas entre os dous proxectos senón que polo xeral tende a "descoñecerse" as "tradicións políticas" representadas en EU e Anova.

Comentarios