A xustiza dá a razón ao Concello de Pontevedra no pagamento das extras

A xustiza considera legal que o Concello de Pontevedra pagase ao persoal municipal un complemento de produtividade no canto das pagas extraordinarias que foran eliminadas polo goberno de Rajoy. 

O Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra vén de desestimar o recurso que tiña presentado a Delegación do Goberno contra a medida tomada polo goberno municipal presidido polo alcalde Miguel Fernández Lores (BNG) de aboar un complemento de produtividade ao persoal laboral no canto da paga extraordinaria eliminada polo goberno de Rajoy. A sentenza desestima o recurso e sinala que a decisión do goberno municipal se axusta a dereito e non incorre en fraude de lei. 

“A pesar de moitas declaracións publicas e manifestacións contra o goberno municipal vese que se actuou con arreglo a dereito e dentro do que permitía a lexislación. Adoptouse unha decisión que se consideraba atrevida mais que considerabamos necesaria dada a situación económica pola que se estaba atravesando nos últimos tempos”, afirmou o concelleiro de persoal Vicente García Legísima, satisfeito pola decisión da xuíza Mª Enriqueta Sanmartín. 

O PP fai cuestión "política"

O grupo do PP no concello mostrara o seu rexeitamento á medida do goberno municipal que deu pé a que a través da Delegación de Goberno se presentase o recurso presentado agora desestimado polo xulgado. Unha vez coñecido o resultado da sentenza, o voceiro do grupo popular defendeu que o resultado era óptimo xa que, de saír estimado, quen tería que asumir as consecuencias sería o persoal do Concello e non para o goberno municipal, de todas maneiras, continuou a cuestionar “politicamente” a opción defendida polo goberno de Lores. 

O ministro Cristóbal Montoro defendera que as administracións que compensaran a paga extra suprimida polo goberno incorrían en “delito de prevaricación”, afirmación previa á presentación do recurso xudicial contra o Concello de Pontevedra. 

O goberno presidido por Fernández Lores aprobara en pleno, cos votos do BNG e PSOE, abonar un complemento de produtividade a 474 traballadores e traballadoras para compensar a eliminación da extra por decisión do executivo local. 

Comentarios