A xustiza condena o alcalde-senador de Verín por violación dos dereitos fundamentais da CIG

É a terceira ocasión en que o xulgado do contencioso-administrativo falla contra o rexedor por vulnerar dereitos fundamentais da central sindical nacionalista.

 

O xulgado do contencioso-administrativo nº2 de Ourense emitiu unha sentenza en que condena o alcalde de Verín --e senador-- Jiménez Morán a pagar unha indemnización de 2.000 euros e as costas do xuízo á Confederación Intersindical Galega.

O Concello terá de pagar 2.000 euros de indemnización á central sindical nacionalista e as costas do xuízo

O fallo produciuse após denunciaren a vulneración do dereito á liberdade de expresión nun decreto aprobado polo Concello no que exixía a retirada dunha serie de faixas penduradas na vila pola central nacionalista. 

Desde a CIG denuncian a actitude do rexeidor após ser esta a terceira sentenza que o condena por "violación dos dereitos fundamentais" da CIG. Neste senso, aseguran que informarán ao presidente do Senado --pois é Jiménez Morán senador por Ourense-- co obxecto, din, de que "comproben que tipo de personaxes representan este país" na Cámara alta. 

Tres sentenzas condenatorias

Jiménez Morán é un habitual dos xulgados por vulnerar dereitos recollidos na Constitución española en relación ao sindicalismo nacionalista. Xa en maio de 2011 foi denunciado perante o xulgado do contencioso-administrativo por lles ser prohibido o uso de megafonía para anunciar a folga xeral do 27 de xaneiro. 

En 2011 o alcalde de Verín prohibiu á CIG o uso de megafonía e en 2009 violou o seu dereito á negociación colectiva e liberdade sindical

Nese mesmo ano mais no mes de outubro a sala do contencioso-administrativo do TSXG declarou nulos os orzamentos da vila correspondente ao exercicio de 2009 por violaren o dereito á negociación colectiva e de liberdade sindical á CIG. 

Para a central sindical nacionalista estas tres decisións xudiciais deberían facer que "o PP tomase cartas no asunto" para que "apartase dos seus cargos" ao rexedor. No entanto, desde a CIG cren que isto "non vai acontecer" polo que anunciaron que informarán do acontecido á Presidencia do Senado, institución da que Jiménez Morán toma parte como representante da circunscrición de Ourense; e á presidenta do Parlamento galego, co obxecto, din, "de que comproben que tipo de personaxes representan este país". 

Comentarios